Arte en Lugo sobre as memorias e os ritmos do rural galego

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A exposición pode visitarse na sede lucense de luns a sábados polas tardes, de 17.30 a 20.30 horas
A exposición pode visitarse na sede lucense de luns a sábados polas tardes, de 17.30 a 20.30 horas LAURA CAMPOS

A mostra «A vida lenta» presenta fotografías, pezas audiovisuais, poesía e música para reflexionar sobre a identidade en Galicia

09 sep 2023 . Actualizado a las 22:00 h.

O rural galego ten un ritmo e unha memoria propias. Afondar e reflexionar sobre esa conformación da identidade de Galicia é un dos obxectivos que persegue A vida lenta, un proxecto expositivo interdisciplinar que analiza as formas de vida vencelladas ao rural galego, a súa iconografía e a súa presenza na cultura contemporánea. Fotografías, pezas audiovisuais, poesía e música conxúganse nesta mostra, coordinada por Aser Álvarez, director, guionista e produtor galego. A exposición pódese visitar ata o 14 de outubro na sede de Afundación en Lugo, de luns a sábado, de 17.30 a 20.30 horas.

Esta proposta conta con valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos sobre o rural galego, desde 1930 ata finais do século XX: colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. De feito, Galicia convértese así na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio de Agricultura.

A mostra presenta tamén versos creados por algúns dos poetas gañadores do Premio Poesía Afundación, como Mendos Romero, Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, co obxectivo de reflexionar sobre a presenza da natureza na cultura contemporánea.

A banda sonora da exposición, unha creación de Moisés Quintás, recrea o chiar dos carros, o ouvear dos lobos, o xirar das rodas de muíño ou o cravuñar das gadañas.

A mostra complétase con actividades en liña e con convidados que desenvolven a creación contemporánea e de vangarda desde un forte compromiso co rural: o cineasta Óliver Laxe, a zoqueira Elena Ferro ou o chef Javier Olleros.

Ademais, Afundación deseñou unha completa programación didáctica para escolares, con actividades específicas para os nenos de infantil ata terceiro de primaria, de cuarto de primaria a segundo de ESO e de terceiro de ESO a bacharelato.

Proxecto solidario

Por outra banda, esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos», que Afundación leva a cabo en colaboración con Fesbal (Federación Española de Bancos de Alimentos), e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais.

A entidade convida aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitaren a exposición.