A Asociación Xermolos suma un novo premio pola defensa da cultura galega

Lucía Campos / M. G. LUGO / LA VOZ

LUGO

A Asociación Xermolos, premiada polo seu labor cultural co Festival de Pardiñas
A Asociación Xermolos, premiada polo seu labor cultural co Festival de Pardiñas Suso Pena

Esta asociación cultural recibiu o premio da 26 edición do Festival As nosas Músicas de Couso

14 ago 2023 . Actualizado a las 19:50 h.

Hai algo máis dunha semana que a Asociación de Xermolos festexou a 44 edición do famoso e recoñecido Festival de Pardiñas. Mais esta «familia», tal e como a denomina o seu presidente Alfonso Blanco, volve a estar de celebración ao coñecer que foron os gañadores dun premio que recoñece o seu labor promotor da cultura galega.

Esta condecoración ven da man doutra asociación, concretamente de A Xesteira. Esta agrupación de Couso, A Estrada, formouse no 1995 para dinamizar a difusión cultural e o coñecemento da historia e costumes galegas. Desde entón desenvolveron actividades para impulsar o rural e a súa cultura: exposicións, charlas, obradoiros, roteiros ambientais, noites musicais, festas, saídas e eventos culturais. Unha desas iniciativas foi As Nosas Músicas, un festival para homenaxear á música tradicional galega que xa leva 26 edicións as súas costas.

Ademais este festival leva desde o 2016 outorgando un premio co seu propio nome para galardoar a persoas, entidades ou institucións cunha traxectoria destacada en defensa e promoción da cultura galega, en especial no campo da música tradicional. Nesta edición de 2023 o galardón As Nosas Músicas recae na Asociación Xermolos.

A entrega do premio, que consistirá nunha placa conmemorativa realizada en pedra representando a imaxe de As Nosas Músicas, terá lugar no marco da edición anual do festival que se celebrou este domingo día 13 de agosto e que continúa este luns día 14. Xaneco Tubío, presidente da AGG (Asociación de Gaiteiros Galegos) e artesán encargado da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, será o representante que recollerá este galardón.

Xermolos pasará a formar parte da listaxe de premiados das pasadas edicións, entre os que figuran o monologuista e actor Carlos Blanco (padriño de A Xesteira e do festival); Pilar García Rego, polo programa Alalá da Televisión de Galicia; Ana Romaní, polo Diario Cultural da Radio Galega; o grupo musical Leilía; e por último, Emilio Españadero, por Lume na palleira tamén da Radio Galega.

Neste 2023 a Asociación Cultural Xermolos tamén recibiu outros premios como, por exemplo, o Premio da Crítica en Vigo, o Premio da Cultura Tradicional de María Castaña da cidade de Lugo, o Premio Facer País en Láncara, o Premio do Museo San Antón de A Coruña ou o Premio Martín Códax en Pontevedra.