María José Gómez: «Non lle teño medo a ser alcaldesa de Guntín e senadora»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Gómez recoñece que sente ter que deixar a Xefatura Territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Gómez recoñece que sente ter que deixar a Xefatura Territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. LAURA LEIRAS

Afirma que pode levar ao Senado as demandas de concellos rurais

25 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

María José Gómez é alcaldesa de Guntín, pero as eleccións de antonte convertérona tamén en senadora. O seu foi un dos concellos onde o apoio ao PP chegou por enriba do 60 % dos apoios para o Congreso dos Deputados, e ela foi a segunda senadora en votos, por detrás de José Manuel Barreiro.

Nin se lle ocorre deixar o Concello. Cando se lle pregunta se vai compaxinar os dous traballos, contesta que si. «Só acepto algo que podo compaxinar», di. O que si fará, aínda que descioñece a data exacta, é deixar a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

-Cre que lle vai ser difícil ser alcaldesa e senadora ou non?

-Non lle teño medo. Non sei como é o Senado, pero creo que será posible. Dáme pena deixar a xefatura territorial. Cando chegas, non coñeces a ninguén, e agora tes que deixar aos teus amigos. Pero a vida son retos.

-Que cre que pode achegar no Senado: a voz dos concellos rurais, a voz das mulleres...?

-Podo levar as demandas dos concellos rurais coma Guntín e coma moitos outros da provincia, porque son parecidas as necesidades que temos. Estou bastante sensibilizada coas cuestións da gandaría.

-Que necesita a provincia que se defenda ou se solicite con máis forza?

-O sector primario de Lugo é peculiar, porque a Ribeira Sacra non é igual ca A Mariña e outros estamos no medio. Necesidades? A instalación de Altri; o sector do mar; o do viño; o turismo...

-Pola situación de Guntín, coñece ben a necesidade de rematar a autovía de Ourense e a de Santiago. Que hai que esixir?

-Chegar de Guntín a Ourense por estrada, 76 quilómetros, lévame máis dunha hora en coche, e en pouco más de dúas horas chégase de Ourense a Madrid en tren. As autovías son necesarias; levamos toda a vida co mesmo problema. É necesario que chegue a Lugo un tren en boas condicións.

-Que pode aprender de senadores que levan tempo xa en Madrid?

-Todo, sempre. Sempre se pode aprender dos que saben. Podo valorar o que aprendín estando na xefatura teritorial, que foi moito: aprendes a tratar con outras administracións. Para min foi unha experiencia moi enriquecedora, e supoño que a de agora será parecida, Sempre procuro quedar co bo das cousas.

Prudencia sobre o seu futuro político: «Hoxe teño isto, e mañá...»

Aínda non tomou posesión como senadora e explica algunhas cuestións ás que poderá dedicar atención como parlamentaria. Porén, María José Gómez rexeita pensar que o seu labor como senadora sexa o comezo dunha etapa que a chegue situar máis arriba. «Non me gusta falar diso», explica. Máis ben comenta que as responsabilidades políticas foron chegando pouco a pouco e ela foinas aceptando. «Non pensaba ser senadora, nin estar na xefatura territorial, nin ser alcaldesa. Hoxe teño isto, e mañá...», engade.

Salienta que esas non son palabras forzadas. «Dirás que é por quedar ben, pero é a verdade», di, Nin sequera pecha a porta a volver dentro duns anos á educación —é profesora de secundaria—, da que saíu para asumir outras responsabilidades. A súa orixe profesional nótase na conversa, pois cre que as condicións e as esixencias no acceso á Universidade deberan ser as mesmas para todas as comunidades como un xeito de garantir igualdade.