Jorge Balado, xerente de Serfuja: «Ninguén nos ensina a morrer, pero nós cremos que non hai que ocultalo»

LUGO

A funeraria lucense comprou o edificio Fénix, en plena Praza Maior de Lugo, «para acercar a morte á cidadanía»
07 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Serfuja non é unha empresa funeraria ó uso. Desde hai case unha década, a compañía lucense vén transformando o sector desde o punto de vista profesional, pero sobre todo desde o moral e social. Xa antes de que Jorge Balado, o actual xerente, tomase o mando, a empresa levaba por bandeira a proximidade coa cidadanía lucense e a intención de acercar a morte aos veciños da provincia, tratándoa como unha etapa máis da vida e non como algo tráxico ou un tabú.
Agora, a expansión de Serfuja da un novo paso na súa evolución. A compra do emblemático edificio Fénix, en plena Praza Maior de Lugo, representa un novo capítulo na historia da compañía que fundou o avó do actual responsable. Este movemento é o último xesto de Serfuja para tratar de normalizar a morte e dignificar o fin da vida entre os lucenses.
—Como se fraguou a compra do edificio Fénix?
—Tiñamos a clara intención de adquirir un edificio que estivese no centro de Lugo. Apareceu esta oportunidade o pasado mes de setembro e puxémonos a traballar.
—Foi unha xestión complexa?
—O edificio é unha pasada. A verdade, nunca pensei que podían chegar a vendelo. Houbo que pelexalo. A operación non foi doada. A propietaria era unha empresa moi grande e os trámites foron lentos. A maior dificultade foi o día a día, facer que avanzasen as cousas pequenas.
«No 2008, en plena crise, inauguramos unha tenda de mobles. Dicíanme que estaba tolo»
—É moito máis que un edificio calquera. Sobre todo, pola historia.
—É certo que non é habitual que en Lugo se compre un edificio así. Eu tendo a ir ao contrario do resto. No 2008, en plena crise, inauguramos unha tenda de mobles. Dicíanme que estaba loco. Só había unha funeraria en Lugo e o nicho de mercado era mínimo. Despois de moito tempo, no 2016 inauguramos o tanatorio e aí seguimos. Agora, parece que xa non hai interese no centro de Lugo. Pero eu creo que si. E máis sendo un edificio histórico. A grande pena é que non se lles dea uso. É o único edificio independente da Praza Maior, porque non toca con ningún outro.
—Valoráronse outros edificios?
—Si. Ata chegamos a ter negociacións, pero non chegaron a bo porto.
—Que importancia ten para Serfuja estar presente nun lugar polo que pasan tantos veciños?
—Meus avós son de Pol e instaláronse en Castro de Rei. Teño esa gana de estar presente na provincia de Lugo desde que era pequeno. E que mellor sitio que a Praza Maior. A base de traballo, esforzo e aforro, conseguímolo.
—Vai na vosa idiosincrasia estar preto da xente e transmitir a vosa idea de negocio.
—Estar aí, abrirse á xente, aportar... É importante.
—Levades por bandeira ese lema de «acercar a morte aos cidadáns»
—Claro. Por iso é importante facernos visibles. Este movemento vai por esa vía. A morte, en Galicia, está moito máis normalizada que noutros lugares de España. Agora, en xeral, téndese a fuxir dos medos e deste tipo de cousas. Nós cremos que non é o correcto. Igual que co suicidio. Todo o mundo o oculta, como se fose unha vergoña. Hai que visibilizar a morte para poder entendela. Ensínannos a nacer, pero ninguén nos ensina a morrer. Aí xorden moitos problemas, porque cando chega non sabemos como afrontala.

—A vosa idea é única ata no voso propio sector.
—O sector funerario é escuro. Parece que hai que ocultalo todo. Nada diso, ao contrario. É unha realidade que está aí, algo natural.
—Que ides ofrecer neste novo edificio?
—O primeiro vai ser darlle un lavado de cara ao edificio. Xa temos pedida a licenza desde hai meses. Se puidésemos abrir para o Arde Lucus sería marabilloso.
«Somos unha empresa familiar. Imos pouco a pouco. Non nos gusta facer ruído ou alardear»
—E de cara aos clientes?
—Trataremos de acercar o tema da morte aos veciños. É o 75 aniversario da empresa, ademais. Queremos amosar cuestións da morte cerca da xente. Falar dese tema, con carácter didáctico, en pleno centro de Lugo. Faremos algunha mostra e algunha exposición, por exemplo.
—Ídesvos encargar vós de todo o edificio?
—En principio, si. Ademais das mostras e das exposicións, teremos oficinas. Algúns traballadores trasladaranse desde o tanatorio do polígono para vir aquí. De todas formas, non temos nada fixado aínda para o terceiro piso do edificio, así que estamos abertos a ofertas doutras institucións e compañías.
—Cal é o seguinte obxectivo da empresa?
—Somos unha empresa familiar. Imos pouco a pouco. Non nos gusta facer ruído ou alardear. Claramente, tratamos de medrar todo o posible. O tamaño de Lugo é o que é, así que non se sabe que faremos se seguimos medrando.
—Entenden os lucenses e os galegos a morte mellor que noutros lugares?
—O rural enténdea moito mellor que o urbano. Por iso en Lugo está máis normalizada. Por varios motivos. Un deles son os animais. Aquí, é habitual vivir con galiñas, porcos, vacas, ovellas, cabras... Os animais morren moito antes ca nós, así que é habitual presenciar as súas mortes. Iso creo que axuda a normalizalo. Tamén inflúe que, no rural, é habitual vivir na mesma casa que os teus avós. Por iso é común que ata os nenos pasen por eses momentos desde pequenos. O problema é evitar esas situacións. Así méteselles o medo.