Romaría

Xulio Xiz

LUGO

29 may 2023 . Actualizado a las 19:32 h.

Pasei os Milagres sitiado polo fervor que se traduce na riada de automóbiles a Saavedra, con aparcamentos inverosímiles fóra dos amplos espazos dispostos para os cabalos de catro rodas.

O remate da festa coincidiu coa xornada electoral onde todo parecía posible, e resultou un cúmulo de imposibles, que cristalizou en mareas vivas ou mortas, azuis ou bermellas, precursoras de pactos naturais ou forzados, que os afectados entenden como a mellor lección da democracia.

Pasou a clamorosa romaría efervescente para que valoremos mellor a paz que reina durante o resto ano. Pasou a festa democrática para comprobar de novo que hai razóns políticas que o votante non entende; que hai votos que non encaixan na razón política; que hai razóns que a politica ignora.

Ninguén como un alcalde de pobo para saber de que vai esto. Ninguén coma unha comisión de festas para saber o o son ao que quere bailar o seu pobo. Ninguén coma o votante para saber de onde sopra o vento. Ninguén coma un político para conseguir que o beneficie o resultado. Na festa, pasou o día e pasou a romaría. A romaría na política continúa, como unha cicloxénese explosiva, e se para os que seguimos a procesión desde fóra o tema nos parece apaixoante, provocador, para os que levan o santo ou as andas, para os que ofician ou comulgan, que cantan ou aplauden, agora é cando empeza a verdade, a realidade, os equilibrios… para os que pasamos os apuros da festa, o descanso; para os que viven perigosamente, equilibristas sen rede, o tempo da verdade. “Que por maio era, por maio, cuando hace la calor”, di o Romance do Prisoneiro. Pois agarda que chegue o mes de xullo, e xa verás.