As propostas dos partidos en Lugo en materia de seguridade: máis policía, protocolo antiokupas e peche de bares problemáticos

André Siso Zapata
André S. Zapata LUGO / LA VOZ

LUGO

O presenza policial no barrio da Milagrosa é unha das medidas compartidas polos tres partidos
O presenza policial no barrio da Milagrosa é unha das medidas compartidas polos tres partidos ALBERTO LÓPEZ

PSOE, PP e Ciudadanos difiren en moitos puntos, pero coinciden en varios departamentos a mellorar no Concello de cara á próxima lexislatura

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre outras moitas materias, a seguridade cidadá foi unha das cuestións que máis presenza tivo na campaña electoral de Lugo, que termina este mesmo venres. A dous días das eleccións municipais do 28 de maio, os partidos buscan votos en todos os sectores da sociedade. Sen dúbida, o benestar e a seguridade nas rúas será un dos temas que decida o signo de moitas papeletas.

Os candidatos de PSOE, PP e Cidadáns responden en plena campaña a varias cuestións formuladas pola Voz relacionadas con esta materia. As diferenzas e as coincidencias entre Lara Méndez, Elena Candia e Olga Louzao poderían terminar sendo decretos municipais se algunha das súas candidaturas alcanza o Concello.

—É Lugo unha cidade perigosa?

A nivel xeral, os tres partidos afirman que Lugo é unha cidade segura. A alcaldesa, concretamente, menciona que «está entre as dez máis seguras de España».

Candia, desde o PP, difire desta opinión, afirmando que «a percepción que hai na rúa é que empeorou a seguridade» e que o «mellor termómetro» é que, «nos últimos tempos apareceron diferentes movementos veciñais preocupados polas pelexas xuvenís, os roubos con violencia ou a okupación de vivendas».

Finalmente, Olga Louzao engade que «en determinados barrios onde non houbo un investimento público acorde as necesidades aumentou a conflitividade social».

—Que facer coas okupacións?

Unha das infraccións que máis portadas recibe en Lugo son as usurpacións de vivendas. Ciudadanos, que publicou recentemente unha batería de medidas a este respecto, afirma que «PSOE e BNG están instalados no negacionismo» e propoñen medidas como «elaborar un listado de inmobles susceptibles de ser ocupados, aumentar a presenza policial, instalar cámaras como medida disuasoria ou prestar asistencia xurídica aos veciños propietarios de inmobles ocupados».

O PP, que mantén unha liña similar, afirma que, para atallar «un problema que o Concello nega», a presenza policial «é clave». Candia asegura que creará «unha delegación da Policía Local cun punto de información para asesorar e acompañar aos cidadáns nas tramitacións necesarias para recuperar a súa propiedade».

Finalmente, Lara Méndez mantén un discurso menos alarmista, alegando que «as okupacións supoñen en Lugo o 0,4 % das infraccións que tiveron lugar no 2022», e insiste en que o maior problema é «a falta de vivenda pública» e culpa á Xunta, xa que o Concello «apenas ten competencias en materia de okupacións».

—Como reducir o tráfico e consumo de drogas no norte de Lugo?

Nos mesmos barrios nos que hai o maior número de denuncias por usurpacións, hai tamén queixas pola presenza de vivendas onde se consume e venden drogas. Para Lara Méndez, a solución pasa por «un incremento da presenza policial que xa é unha realidade», pero tamén incide en que están actuando a nivel preventivo cun ambicioso Plan Municipal de Drogodependencias dirixido á mocidade» para ir á base do problema.

Olga Louzao, pola súa parte, sostén que «non hai que estigmatizar barrios», pero que é certo que «os puntos de venda» e «os incidentes relacionados» «están concentrados en determinadas zonas». Para ela, a presenza policial «non é suficiente» e «a loita contra a droga debe ser reforzada cun traballo preventivo» liderado polos servizos sociais.

Na mesma liña se pronuncia Elena Candia, que engade que o PP, se acada a Alcaldía, creará «novos espazos de ocio e cultura para a xente moza como a rehabilitación do edificio da OJE».

—A principios de ano, vimos un incremento das pelexas nocturnas no centro. Como previría está violencia?

A violencia no ámbito do ocio nocturno tocou teito en Lugo a principios deste 2023. Imaxes e vídeos que correron como a pólvora polas redes amosaban rapaces feridos e agredidos, sempre co alcol de por medio. A solución, para Olga Louzao, está moi clara. «É necesario recuperar a Brigada de Seguridade Nocturna da Policía Local. Foi un servizo especializado da nosa policía que funcionou con moito éxito ata o 2004 cando o Goberno socialista de Orozco decidiu incomprensiblemente disolvela», afirma a candidata de Ciudadanos.

Elena Candia, alcaldable do PP, bota en falta máis vixilancia nesas zonas. Por iso, ela propón instalar «cámaras de videovixilancia en zonas sensibles do municipio, como é no entorno da Catedral».

Lara Méndez, sen embargo, alega que os incidentes vistos a principios de ano «foron episodios puntuais». Para ela, as pelexas non son algo que nacese no seu mandato, e culpa ás redes sociais, que «dan moito máis eco a situacións que non son novas». Ela afirma, finalmente, que velarán pola seguridade pública, pero engade que «resulta imprescindible o papel conxunto que temos como sociedade».

Elena Candia: «Abriremos delegacións da policía no norte e no centro da cidade»

—É necesario un aumento xeral de presenza policial? E algunha outra medida deste tipo (oficinas do corpo nos barrios, etc.)?

A presenza da policía nas rúas é un tema delicado. O que para moitos cidadáns representa unha sensación de seguridade, para outros é algo innecesario e que os leva a sentirse observados. Para Elena Candia, o aumento de patrullas na cidade é algo necesario. Por iso, ela e a súa agrupación, se gobernan Lugo, abrirán «dúas novas delegacións de Policía Local, tanto na zona norte como na zona centro do municipio, para axilizar os tempos de resposta, mellorar a atención cidadá». «Temos ese compromiso cos lucenses», engade a alcaldable. Para poñer en marcha esta medida, Candia é consciente de que precisaría máis axentes. Por iso, «aumentaremos o número de efectivos ata chegar á recomendación europea de 1,8 axentes de policía local por cada 1.000 habitantes», di.

Lara Méndez, pola súa parte, afirma que xa tomaron medidas a este respecto, «porque levamos catro anos fornecendo á Policía Local de medios técnicos e humanos», aínda que remata apelando ao «civismo» dos lucenses.

Louzao, finalmente, afirma que «é necesario facer un esforzo extra en barrios como O Castiñeiro ou A Milagrosa, para corrixir o agravio comparativo que sofren os veciños respecto a outros barrios da cidade».

—É boa a atención á muller no Concello de Lugo?

Olga Louzao amósase moi crítica co servizo, por exemplo, da Casa da Muller, alegando que «só abre de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas», e engade que «é necesario que poida atender urxencias ou que haxa servizos as fins de semana».

Elena Candia coincide con esta proposta, e suma a petición de que Lugo se adhira ao protocolo Viogen: «É imperdoable que sexa a única cidade galega sen unirse».

Lara Méndez, finalmente, asegura que están «traballando en mellorar as prestacións públicas», e presume de que Lugo conta con un «protocolo coa Asociación de Hostalería para poder evitar ou atallar calquera caso de acoso no ocio nocturno».

Méndez di que seguirá pechando bares problemáticos e a oposición pide unha nova comisaría

—Que outras medida destacarían no ámbito da seguridade?

Os plans das alcaldables do Concello de Lugo en materia de seguridade van moito máis alá das okupacións, o aumento da presenza policial ou o funcionamento dos protocolos de violencia de xénero. Lara Méndez, a rexedora, avanza que ten intención de «seguir apostando» por medidas como os peches dos locais de hostalaría onde se produciron incidentes nos últimos meses, como o recente caso de Las Palmeras na rúa Tui.

Para Olga Louzao, candidata de Ciudadanos, unha medida moi necesaria é a consecución tras anos de promesas da construción dunha nova Comisaría Provincial, «unha reivindicación de CS desde que chegamos a corporación no ano 2015 e que tanto PSOE e PP esqueceron cando estaban no Goberno». Ademais, propón «facer un uso correcto da Xunta de seguridade local, non convocalas unicamente para o dispositivo de tráfico de San Froilán e o Arde Lucus».

Elena Candia comparte esta petición e conclúe, pola súa banda, afirmando que, se chega a alcaldesa, «aprobaremos unha ordenanza para frear a actividade dos gorrillas, dotando á Policía Local de ferramentas legais para evitar esa extorsión no aparcamento do HULA, onde tamén se colocarán cámaras de videovixilancia» ao igual que no polígono do Ceao.

La Voz quixo incluir as propostas do grupo municipal do BNG, pero as preguntas non recibiron resposta.