Francisco Narla, escritor: «Fai falta unha película sobre os celtas, espero ter suscitado esa necesidade»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Narla, xunto a un dolmen que hai na parroquia de Cotá (Friol).
Narla, xunto a un dolmen que hai na parroquia de Cotá (Friol). ALBERTO LÓPEZ

Presenta «Breo», unha novela na que recrea o ambiente castrexo fronte á dominación romana

17 may 2023 . Actualizado a las 12:58 h.

O escritor Francisco Narla (Lugo, 1978) vai comezar unha actividade que compara, con bo humor, coa dos Rolling Stones nunha xira de concertos. «Teño vinte días, entre o 20 de maio e o 10 de xuño, nos que non paro. Pero é parte do traballo e gústame o contacto cos lectores», di. O primeiro contacto terá lugar o día 22, no clube de lectura dun instituto de Ferrol. Narón, Lugo e Madrid, a cuxa feira do libro acudirá, serán outras próximas paradas. En Lugo (xoves 25, oito da tarde) participará nunha cata literaria que se celebrará no Centro Cultural O Vello Cárcere.

Narla vén de publicar unha nova novela, «Breo», que primeiro sae ao mercado en galego e que logo chegará ás librarías en castelán. A novela histórica non é nada novo para el, e con esta nova obra engade outro elo a esa colección. «É unha novela histórica, de aventuras con fondo histórico. É unha novela moi reivindicativa, porque enxalzo a figura dos celtas, dos castrexos», comenta.

«Non é algo moi distinto, por exemplo, da reivindicación dos indios que norteamericanos que fixo [James] Fenimore Cooper», di. «Por que non reivindicar esa orixe e esa diferenza con toda paixón?. É unha especie de Braveheart en galego contra Nerón», reflexiona sobre o contido da nova novela.

-Hai un Celta de Vigo, houbo unha Imprenta Celta... Se se fala do celtismo, cre que hai un legado que se sinta como propio?

-É o que pretendo. Hai que valorar ese celtismo. Creo que o do Celta de Vigo é un bo exemplo. O Friulio ou o Arde Lucus son festas importantes, pero seguramente o cidadán medio non sabe moito do celtismo. Non é algo doado, porque tampouco os historiadores saben moito. Ata hai unhas décadas, tíñase dos indios norteamericanos a idea de que eran xente que cortaba cabeleiras. Houbo un cambio, que en boa parte chegou grazas ao cine, con Bailando con lobos. Despois desa película, xa se vía esa xente como un grupo con valores, cunha espiritualidade... No caso dos celtas, creo que debemos comezar a apreciar o seu legado. O importante é telos presentes.

-Que se debe valorar máis dos celtas?

-Para min, un aspecto que se debe valorar é a súa conexión coa contorna natural. Na novela tento plasmar que os romanos antepoñen o progreso, ou a súa idea de progreso, á herdanza cultural e ambiental. Creo que ese debate está presente e que recuperar, con cabeza e con sentido común eses conceptos está ben.

-Falou de dúas películas, «Braveheart» e «Bailando con lobos». Necesítase unha película desas características sobre o mundo celta?

-Claro. Gustaríame que un produtor quixese facer unha película sobre «Breo» [ri]. Escribín guións que non deron chegado á pantalla. Creo que fai falta unha película sobre os celtas, e espero ter suscitado esa necesidade. Ata hai anos, estudábase o mundo clásico, Grecia e Roma. Agora tamén se aceptan outras culturas ancestrais, pero non só aquí senón en todo o mundo: pasa, por exemplo, en América coas culturas precolombinas. Espero ter feito esa achega, e espero que outros escritores e cineastas se inreresen pola cultura celta e que saian películas.

-Fai falta, pois, que Hollywood se fixe nos celtas para que todo ese mundo sexa máis coñecido?

-Fai falta que nós esteamos orgullosos. Se se fai unha película, benvida sexa: pero o primeiro é estarmos orgullosos e reivindicarmos o noso pasado. Por exemplo, a rapa das bestas é unha tradición que se supón de orixe celta, e nas crónicas fálase de que os rapaces saían coller gando. Se Hollywood viñese, fantástico: eu, encantado de asinar un contrato! Pero o importante é o que fagamos nós.

-Canta importancia ten o sector audiovisual para espallar unha cultura antiga?

-Ten máis repercusión; pero non esquezamos as palabras, que tamén son importantes: eu son escritor, e os libros son os meus mellores amigos. De todos os xeitos, o audiovisual ten moita forza; e xa non na maneira tradicional, con películas que se estrean en cines ou series na televisión, senón tamén nas novas plataformas.

-Volvendo ao traballo da literatura, supúxolle esta novela un maior traballo previo de documentación do que lle pasou con outras?

-A novela histórica ten un importante traballo de documentación se quere ser veraz; pero tamén hai ese traballo previo se se quere facer, por exemplo, ciencia ficción. No meu caso, esta é a miña novena novela e adoito tardar arredor de ano e medio. A primeira metade é tempo de documentación, de entrevistarme con prodesores...; o resto do tempo, de escribir a novela en si.