Francisco Fernández del Riego no San Froilán de 1999: «Lugo foi sempre a sede campesiña de Galicia»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Francisco Fernández del Riego desde o balcón da Casa Consistorial, xunto a Branca Rodríguez Pazos e José López Orozco o 4 de outono de 1999
Francisco Fernández del Riego desde o balcón da Casa Consistorial, xunto a Branca Rodríguez Pazos e José López Orozco o 4 de outono de 1999 OSCAR CELA

O autor a quen se lle decida o Día das Letras Galegas 2023 abriu as patronais lucenses cun pregón onde defendeu a lingua galega: «A conservación, a defensa e o prestixio da fala galega debe ser a grande empresa solidaria da totalidade do pobo»

16 may 2023 . Actualizado a las 19:52 h.

Corría o 4 de outono de 1999 e Francisco Fernández del Riego, a quen neste 2023 se lle dedica o Día das Letras Galegas, dirixíase desde o balcón da Casa Consistorial a unha morea de lucenses que o esperaban para escoitar o seu pregón das festas de San Froilán. Del Riego por aquel entón tiña 86 anos e era o presidente da Real Academia Galega,

A súa elección como pregoeiro fora aprobada por unanimidade da corporación, pero á vez era unha clara mensaxe a favor da cultura e a lingua galega. Uns meses antes chegaran ao goberno local o bipartito PSOE, de José López Orozco, e BNG, de Branca Rodríguez Pazos. Durante os anos 90 houbera pregoeiros das letras galegas, como Arcadio López Casanova (1991), Ramón Villares (1992) ou Manuel María (1996), pero tamén estiveran José María Carrascal (1994), Paloma San Basilio (1997) ou José Manuel Parada (1998).

Del Riego fora recibido na Casa Consistorial e asinara no libro de honra: «Práceme especialmente firmar neste libro de honra na véspera da festa de San Froilán, unha festa tan vencellada á cidade». Logo, a comitiva saíu ao balcón da Casa Consistorial, e o entón responsable do departamento de Protocolo, José Manuel Santiso, foi o encargado de presentalo.

o pregón

Del Riego arrincou o pregón coas súas lembranzas de neno e mozo, desde o seu Vilanova de Lourenzá natal. «O primeiro que me ven á memoria é a impresión destas rúas e prazas, que precorrín de inicio hai unha chea de anos, sendo moi novo. Paréceme albiscar na lonxanía do tempo os altos cumes, as montañas enmarcadoras, os bosques de carballos e piñeiros, o río maior, os camiños e os regueiros». O académico sinalou como de mozo acudía ao San Froilán a gozar das festas.

Pero aquel pregón tivo tamén un carácter reivindicativo, a favor da lingua, pero en vez de empregar palabras grosas e combativas, Del Riego apostou pola sutileza e mesmo a ironía, destacando ademais a presenza do noso idioma nunha cidade como Lugo.

Francisco Fernández del Riego desde o balcón da Casa Consistorial, xunto a Branca Rodríguez Pazos e José López Orozco o 4 de outono de 1999
Francisco Fernández del Riego desde o balcón da Casa Consistorial, xunto a Branca Rodríguez Pazos e José López Orozco o 4 de outono de 1999 OSCAR CELA

«Quen ben sona aquí, e hoxe, o acento xenuíno da lingua natal!. Pasa xa de dous mil anos que o pobo galego creou a súa lingua. Xeración tras xeración, e século tras século, a unidade espiritual da nosa comunidade social veuse conservando viva nela. Por iso, a conservación, a defensa e o prestixio da fala galega debe ser a grande empresa solidaria da totalidade do pobo», sinalaba aquela noite de outono Francisco Fernández del Riego.

pasado e futuro

E o académico tamén tivo palabras de lembranza e de cariño sobre Lugo e o seu porvir, nun momento no que ademais a cidade tiña unha expansión grazas á instalacións de titulacións do campus lucense. «Pese ao seu anovamento moderno, non se lle secaron a Lugo as súas raíces labregas, porque esta cidade foi sempre sede campesiña, descanso de afanosos oficios, e acubillo de señoriais folganzas». Del Riego sinalaba que «Lugo non só ten unha rica historia e un pasado revelador é tamén un acento actual e de froitoso porvir».

E o autor a quen se lle decida este ano o Día das Letras Galegas remataba con agarimo á capital lucense: «Nada hai aquí de fosilizado, non pertence á caste de cidades mortas que se alimentan de lembranzas. Lugo mira con esperanza ao futuro, arraizada sempre no seu cerne galego».