Xiana do Teixeiro, cineasta de Lugo: «Os diarios das adolescentes son páxinas cursis cargadas de escuridade e de boa literatura»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

Xiana do Teixero estreará este ano o filme «Crías».
Xiana do Teixero estreará este ano o filme «Crías». CEDIDA

A directora recolectou máis dun centenar de diarios para crear o seu próximo filme «Crías», do que falará este mércores no Vello Cárcere

10 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao pensar en diarios de adolescentes, enseguida se nos veñen á cabeza grandes relatos que pasaron á historia da literatura como «El diario de Ana Frank», escrito en 1947, ou «Diario de una adolescente» de Phoebe Gloeckner, que data do ano 1976. Grandes éxitos de vendas que lograron chegar a un gran público, e dos que continuamos a falar. Pero o certo é que a inmensa maioría terminan xubilándose no rocho de moitas casas, a carón dos xogos de mesa e das bonecas que quedan aparcadas atrás, nos recordos da infancia. 

A cineasta lucense Xiana do Teixeiro leva cinco anos reflexionando e investigando sobre esta cuestión, en especial sobre a pouca importancia que historicamente lles levamos outorgado a estes escritos, que son, segundo a directora, «documentos dun gran valor literario», e vinculados contemporaneamente ás mulleres, que pasaron pola historia «sen pena nin gloria».

Despois de recolectar máis dun centenar de diarios de mulleres de todo o mundo, con idades comprendidas entre os 20 e os 80 anos agora mesmo, a cineasta presentará este mércores ás 19.00 horas no Vello Cárcere o proxecto «Crías», o nome do seu seguinte filme documental, que pon en valor «unha literatura perdida e segreda, que merece ver a luz», e que espera poder estrear este mesmo ano.

—Que a levou a interesarse polos diarios das adolescentes para realizar a súa próxima longametraxe?

—Este proxecto comezou como unha investigación sobre os diarios escritos na adolescencia porque é un fenómeno literario que todavía non está estudado. Nin tan sequera foi reclamado aínda polos movementos feministas, coma se non tivese ningún valor cultural nin artístico. O que fixen foi recolectar diarios de centos de mulleres de todo o mundo para xuntar unha mostra que me permitiu asomarme a un mundo interior silenciado, porque estes libros sempre se escribiron en segredo, e eu quería ver que se escondía detrás de todo iso.

—Atopou similitudes entre os diarios?

—Por suposto. Todos eles mostran as emocións e os segredos máis íntimos das mulleres. Trátase dunha voltaxe emocional que non se descativa cos anos. Nunca se lle deu importancia a unha muller nova escribindo sobre os seus sentimentos porque as emocións sempre foron vencelladas á debilidade e á feminidade, como algo sen valor. O grande tema é o «eu». As autoras son as protagonistas da súa propia historia, e, á vez, non son conscientes de que están a escribir o seu primeiro libro.

—Foi difícil o proceso de documentación? As mulleres conservan os seus diarios da adolescencia?

—A verdade é que si, porque moitos dos diarios foron destruídos, xa que nós mesmas non lles damos o valor que teñen, e nas casas pasaba o mesmo. Trátase dunha cuestión de xénero, polo que foron historicamente infravalorados, e o certo é que son dos poucos vestixios de autocoidado feminino que atopamos en moitos casos, sobre todo no caso das mulleres máis maiores.

—Cal é o motivo polo que se lles resta importancia aos diarios?

—A maior parte dos diarios escritos por nenas e adolescentes foron agasallos, é dicir, chegaron ás súas mans por casualidade, e iso tamén fai que sexa visto como un xogo sen importancia. Como falamos de sentimentos, que en principio non xeran produtividade económica, pasan a un segundo plano. E o feito de que sempre foran considerados como algo cursi, pola súa estética cor pastel e o perfume entre as páxinas, vinculouse sempre coas mulleres, e restóuselle valor. Son páxinas visualmente moi agradables, pero cheas de escuridade e de boa literatura.

—E os homes? Onde quedan os seus diarios?

—O diario contemporáneo está moi marcado polo xénero. Dende logo que eles tamén escriben diarios, pero os seus sempre foron vinculados a un ámbito máis produtivo, porque, na maioría dos casos, falan de viaxes, de investigación...e son considerados libros prestixiosos porque non falar de emocións.