A biblioteca do Corgo: un espazo de literatura, arte, cine e baile tradicional sen saír do rural

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

O recital do Punto de Atención á Lectura do Corgo.
O recital do Punto de Atención á Lectura do Corgo. ALBERTO LÓPEZ

O Punto de Lectura corgués logrou reunir 7.000 volumes de libros a través de doazóns de particulares

23 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Punto de Lectura do Corgo, situado a carón da gardería do municipio, é todo un tesouro cultural que nada máis entrar pola porta invita a coñecer a súa historia e a mergullarse nela de cheo. En cada un dos extremos da sala atopamos unha mostra de xarróns de cerámica de Gundibós e de Bonxe, con algúns dos exemplares máis especiais da provincia. E, a carón da porta, unha réplica do primeiro mapa científico de Galicia elaborado por Domingo Fontán en 1834.

Toda a sala inspira historia e tradición. Despois dun ano de vida, a biblioteca logrou xuntar un total de 7.000 volumes de libros que foron catalogados manualmente por temáticas: cultura galega, emigración, cine, arte, música, ficción...Un pouquiño de todo e en todos, ou case todos os idiomas, xa que hai traducións en galego, castelán, inglés, portugués, francés e italiano.

7.000 libros recollidos por doazóns

E o máis curioso é que todos estes exemplares foron doazóns que o Concello foi recompilando a partir dos seus veciños e visitantes, polo que contan cunha placa que recolle a autoría das persoas que decidiron deixar neste pequeno punto de lectura un anaquiño da súa porpia biblioteca. 

Como explica Lois Ladra, antropólogo e artífice desta iniciativa, que nace a raíz do proxecto CORGORAL, co que pretende recompilar, estudar e salvagardar a literatura popular de tradición oral e o patrimonio cultural Inmaterial de interese no Corgo, «non se trata dunha simple bilbioteca, senón dun espazo cultural comunitario aberto a todo tipo de actividades».

O Punto de Lectura do Corgo forma parte deste proxecto cultural, no que Lois organiza dende clubes de lectura, clases de baile, exposicións, recitais de poesía ou sesións de cine, entre outras moitas iniciativas. «O único que busco é que os veciños poidan acceder á cultura sen necesidade de saír da vila. Non temos mesas porque as actividades son moi variadas, e o obxectivo era crear un espazo moi dinámico, aberto a todo», sostén. 

A falta de biblioteca pública municipal, Lois decidiu presentar un proxecto ao Concello que lograse incentivar a lectura entre os seus veciños e crear un punto de encontro para todos eles. «Os concellos de menos de 5.000 habitantes non reciben axudas públicas para facer unha biblioteca, pero nós tamén temos dereito á cultura, por iso non dubidei en aproveitar a iniciativa de CORGORAL para isto».

CORGORAL: un xeito de recoller a tradición oral

O proxecto naceu hai tres anos co gallo de recoller e transcribir toda a tradición oral do Concello do Corgo. «Era o momento de poñer sobre o papel os refráns, as cantigas e os contos populares do municipio», di Lois, que foi o escollido para levar adiante esta iniciativa. 

«O peor foi que me topei coa pandemia de por medio, así que decidimos que o mellor sería que os nenos recollesen as historias dos seus avós e así tamén incentivar a comunicación entre as distintas xeracións», explica. 

Despois de tres anos «maquinando», Lois logrou rehabilitar a antiga escola do Corgo para crear a primeira biblioteca do municipio, aberta a todo tipo de actividades culturais, e que conta ademais co recoñecemento da Real Academia de Belas Artes pola súa labor de emprendemento no rural. «Só nos falta por tocar o teatro, pero todo é poñerse», di.

Este sábado, con motivo do seu primeiro aniversario, o Punto de Lectura corgués celebrou a Festa da Cultura, do Libro e da Poesía ca exposición fotográfica Abandon-ARTE, do colectivo Universo Desastre, onde recollen imaxes de edificios públicos abandonados, así como a actuación musical de A Legua Dereita, o grupo de música tradicional da vila.

Ademais, todos os asistentes puideron levar de agasallo un exemplar para a casa. «Temos algún repetido, así que o mellor é que a xente os leve e que poidan darlle unha segunda, terceira, ou vixésima vida», afirma Lois Ladra. 

Tamén celebraron

O recital poético na Biblioteca do Corgo.
O recital poético na Biblioteca do Corgo. ALBERTO LÓPEZ

o «Primeiro Encontro Poético Ibérico no Corgo», no os escritores Alberte Momán, Albino Matos, Ánxela Gracián, Carlos d’Abreu, Carlos Pedro, Eugenia Sanmartín, Helena Almeida, Inocencia Montes, J. C. Valle Karlotti, Manuela Vidal, Montse Villar e Xerardo Quintiá recitaron as súas poesías en galego, castelán e portugués.