José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita: «A Feira do Queixo do Cebreiro volve
este venres cunha ocupación do 100%»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

José Luis Raposo, el alcalde de Pedrafita do Cebreiro.
José Luis Raposo, el alcalde de Pedrafita do Cebreiro. ÓSCAR CELA

A trixésimo quinta edición deste cita gastronómca regresa con máis de 100 stands e o pregón da xornalista Tamara Raposo

05 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Miles de persoas acoden todos os anos á Feira do Queixo do Cebreiro para degustar un dos mellores queixos de todo o país, que conta co distintivo de calidade Denominación de Orixe Protexida. Este ano, o concello de Pedrafita do Cebreiro celebrará este venres 7 de abril unha nova edición con máis de 100 stands gastronómicos e artesanais nunha cita que reúne o mellor da gastronomía.

—Que deparará esta nova edición da Feira do Queixo do Cebreiro?

—A cita gastronómica recobra un ano máis a súa esencia cunha programación moi similar á doutros anos, porque queremos que a xente se sinta coma na casa. Comezará ás 09.30 coa apertura dos stands. Os asistentes tamén poderán adquirir moitos tipos de produtos elaborados de forma artesanal e gozar a partir das 11.00 co pasarrúas da charanga Louband, seguido ás 12.00 do baile rexional da Asociación Cultural Abrente das Nogais. Para completar o día, a xornalista Tamara Raposo será a encargada de dar o pregón ás 13.00.

—Que supón esta cita gastronómica para o concello de Pedrafita?

—É un dos días máis importantes do ano, porque supón un impulso económico importantísimo para fomentar o turismo. Ademais, ao coincidir con Semana Santa, a xente anímase aínda máis.

—Como vai a ocupación hosteleira? Hai grandes expectativas?

—Dende logo. A ocupación hosteleira está cuberta ao 100%, esperamos a moitísima xente. Xa o ano pasado houbo grandes colas de coches na autovía, e esta edición semella similar, ou mellor, porque o tempo está do noso lado. Todo apunta a que vai ser o ano con maior afluencia de visitantes.

—Ademais dos queixos, que máis produtos poderán degustar os visitantes?

—Poderán probar todo tipo de embutidos de porco e teremos produtos para todos os gustos, mesmo haberá un posto con anchoas de Cantabria. Queremos facer unha festa gastronómica que reúna algúns dos mellores produtos de todo o país.

—Que lle diría á xente que aínda non pasou nunca pola Feira do Queixo de Pedrafita?

—Que teñen que vir este ano si ou si. É unha gran oportunidade para degustar os nosos produtos e levar os que máis lles gusten para a casa. A xente que vén repite, así que animo a todos a visitar a nosa feira e a pasar un día agradable con boa gastronomía e música tradicional galega.