Jorge Coira: «Os premios non me din nada, eu colócoos nun segundo lugar»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

Jorge Coira recibiu catro premios nos Mestre Mateo 2023.
Jorge Coira recibiu catro premios nos Mestre Mateo 2023. CESAR QUIAN

O director rabadense logrou alzarse con catro premios nos Mestre Mateo pola súa serie «Rapa»

14 mar 2023 . Actualizado a las 07:53 h.

Jorge Coira (Rábade, 1971) leva o cine no sangue. Dende que colleu nas mans a cámara de vídeo do seu irmán Pepe, Jorge xa dicía que el quería ser director, aínda que o vía «un imposible». Tempo despois, o cineasta coñeceu a Luis Tosar no instituto, onde os dous fixeron moi boas migas e comezaron a facer as súas primeiras curtametraxes «por diversión».

Despois, iniciouse no audiovisual con «Mareas vivas», e agora xa leva tras de si unha carreira con máis dunha trintena de proxectos audiovisuais. Este ano, logrou alzarse nos Mestre Mateo cos premios a Mellor Serie de televisión, Mellor Montaxe, Mellor Interpretación feminina protagonista e de reparto. 

—A súa serie «Rapa» foi a segunda máis premiada nos Mestre Mateo. Como recibiu vostede este recoñecemento?

—Con moita alegría. Para min, os premios son un acto de celebración e unha mostra de que audiovisual galego existe. Trátase dunha oportunidade para reunirme coa xente deste sector, onde gardo grandes amigos, pero sen maiores pretensións. Reencontrarme coa xente á que quero ben é para min o maior dos premios.

—«Rapa» estaba nominada en 19 categorías, e finalmente levou catro premios. Fai un balance positivo, ou esperaba máis?

—Aínda que para algúns poida parecer un fracaso, para min non foi unha decepción en absoluto. Nos Goya, por exemplo, había moita xente enfadada porque «Alcarrás» non levou finalmente ningún premio, pero as nominacións xa son un agasallo e un recoñecemento enorme. Eu coloco os premios nun segundo lugar, non me din nada. É a opinión dun grupo de xente, a dos académicos neste caso, e hai que respectala, pero é unha máis. Se che están dicindo que o teu traballo é do máis salientable do ano, o último que podes facer é queixarte.

—A que vencella o éxito desta serie nas nominacións? Esperábao?

—A verdade é que non o sei, nunca o penso. Cando algo funciona, como neste caso, sempre levo unha sorpresa. Hai xente que fai lecturas moi claras, pero non é o meu caso. Eu só fago cousas que me gustan e que vería como espectador. Despois do éxito de «Hierro», que tiña un entorno natural poderosísimo, pensaba que «Rapa» funcionaría peor, porque, nun principio, non me parecía que a paisaxe fose tan impresionante. Enseguida me decatei que era un prexuízo meu, porque son galego, e estou acostumado a ver as marabillas que temos aquí, pero familiarízaste co entorno e non te das de conta do que tes ao lado ata que non cho di alguén de fóra.

—Como foi a rodaxe de «Rapa»?

—Unha auténtica gozada, gravamos entre Cedeira e Ferrol, que é unha zona preciosa, e sentímonos moi arroupados. Reatopámonos con moitos dos compañeiros de «Hierro», e encima na nosa terra, así que foi incrible. Ademais, contar con actores como Javier Cámara e Mónica López foi un pracer.

—E iste foi o primeiro «thriller» de Javier Cámara. Como foi traballar con el nun xénero descoñecido para o actor?

—El atrévese con todo. Foi unha delicia contar co seu traballo, porque é moi intuitivo. Aceptou dende un primeiro momento porque lle gustou moito «Hierro» e porque tiña gañas de probar novos retos. A verdade é que chama a atención, porque, sendo un actor da súa categoría, el compórtase con moitísima humildade. Hai intérpretes que teñen medo a probar cousas novas, pero dende logo que Javier Cámara non é un deles. El propoñía xogos de improvisación en medio das cenas e facía xogos todo o tempo, traballar con el foi unha moi boa experiencia.

—Aínda que non pense moito en premios, o certo é que vostede é a persoa con máis Mestre Mateo da historia. Como leva este recoñecemento, dá algo de respecto?

—Eu estou encantado, non podo dicir outra cousa. Supoño que é froito do talento e de moitísimo traballo, pero tamén xoga un papel importante a casualidade. Entrei no sector audiovisual hai once anos e, aínda que non me considero vello, pero o certo é que fun dos primeiros en chegar á industria galega, e iso tamén tivo moito que ver. Pero eu coloco os premios nun lugar sensato, na cabeza, quero dicir. Fisicamente están un pouco onde lles cadra, teño varios na miña casa nos andeis, e outros están na casa da miña nai.

—Que aconsella ás novas xeracións que queiran dedicarse ao audiovisual?

—Cada caso é un mundo e unha viaxe persoal diferente, pero penso que o máis importante é ter unha gran paixón por contar historias e ser honesto contigo mesmo. Se simplemente che gusta, é mellor que busques outra cousa, porque é complicado aguantar nunha industria tan esixente como esta. Moverte polo éxito non che trae nada bo, cada un debe intentar contar historias que digan algo sen pensar máis aló.

—E como ve o panorama audiovisual galego na actualidade?

—Ten unha calidade enorme, e cada vez ten un maior peso, pero hai que ser conscientes de que non se realizan decenas de películas cada ano, así que é complicado vivir disto. Galicia é pequena, e debemos estar orgullosos do que facemos, pero é certo que a produción non se pode comparar á doutros países.