De Vacas: «Somos moi nostálxicas, por iso as Spice Girls son a nosa maior fonte de inspiración»
LUGO
A banda galega chega este venres á cidade amurallada para versionar os temas da súa adolescencia e do panorama actual na Praza da Soidade ás 20.30 horas
10 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Paula Romero, Faia Díaz e Inés Salvado, acompañadas á guitarra por Guillerme Fernández, forman o grupo galego De Vacas, que levarán as súas versións á Praza da Soidade de Lugo ás 20.30 horas este venres.
—Como naceu De Vacas?
—As tres cantabamos xuntas nun coro e, un día, quedamos pola tarde para ensaiar, aló polo 2015, e aí comezamos a lembrar o moito que nos gustaban na adolescencia cinco mulleres que seguen a ser a nosa fonte de inspiración. Falo das Spice Girls. Grazas a rememorar as súas melodías e coreografías decidimos que tiñamos que formar un grupo que versionase as súas cancións. Despois, seguimos facendo versións doutos artistas.
—Sempre versionan a artistas que lles gustan?
—A maioría das veces son temas que nos inspiran e que nos recordan á nosa adolescencia, pero noutras ocasións si que temos unha intención máis retranqueira, como na canción de «Noite e Día» de Enrique Iglesias, por exemplo. Gústanos revisar as letras das cancións e darlles o noso toque persoal. Hai un pouco de todo, non facemos distinción. Seguimos esperando unha chamadas das Spice Girls ou de Mónica Naranjo, pero aínda non se puxeron en contacto con nós.
—Cales son os temas que contan con maior éxito entre o público?
—Para nós foi un punto de inflexión o «Miudiño», que é a nosa versión do tema «Despacito» de Luis Fonsi, así como a muiñeira do «Sobreviviré» de Mónica Naranjo. Notámolo moitos nos directos, cando a xente escoita estas cancións, véñense arriba.
—E agora, están traballando en novas cancións?
—Si, estamos preparando un novo espectáculo baseado, unha vez máis, nas mulleres que nos inspiran. Imos intentar recuperar a moitas máis. Nós somos feministas e iso vai por diante de todo. É a nosa carta de presentación e o noso selo de identidade.
—Como é o proceso de creación e composición?
—Xuntámonos e facemos unha tormenta de ideas moi tola. Algunhas incluso un pouco censurables.
—Xa intentaron presentarse a Eurovisión hai varios anos co «Europe’s living a celebration» de Rosa. Despois do éxito de Tanxungueiras, planean volver a presentarse?
—Gústanos moito Eurovisión, de feito non é a primeira canción que rescatamos do festival. Tamén versionamos «Hombres» de Eva Santamaría, por exemplo. Non o volvemos planear, pero todo é poñerse. Non o descartamos.
—Como ven o futuro do grupo?
—Non nos imaxinabamos estar aquí oito anos despois e, ao final, seguimos en pé de guerra. É difícil saber cara onde irá o noso futuro, pero penso que se seguimos coa motivación que temos agora, haberá De Vacas para rato.