Isabel Calvete: «O rural é moi patriarcal e, por unha vez, as mulleres imos alzar a voz»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

Isabel Calvete, a presidenta do CPI de Cervantes.
Isabel Calvete, a presidenta do CPI de Cervantes. ALBERTO LÓPEZ

A presidenta da Anpa de Cervantes organiza unha mesa redonda de mulleres rurais para falar da súa realidade diaria

10 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Isabel Calvete, a presidenta da Anpa do CPI de Cervantes, é unha das organizadoras da mesa redonda «A forza calada da montaña», unha xuntanza de mulleres rurais que terá lugar este sábado 11 de marzo na palloza de San Román de Cervantes ás 18.00 horas. As participantes falarán do presente, do pasado e do futuro da muller da montaña .

—En que vai consistir esta mesa redonda?

—Trátase dun encontro co que pretendemos darlle voz ás mulleres da montaña lucense. É o momento de reclamar igualdade porque agora parecen escoitarnos máis. As mulleres da comarca contarán as súas propias experiencias para esclarecer cal é a súa realidade.

—E quen as vai acompañar?

—Contaremos con pinchos despois da charla, pero todos eles feitos polos homes da zona. Propúxonolo o cura, e a verdade e que é moi boa idea. Non imos estar traballando sempre nós. Ademais, Branca Villares, Pablo Pintor, Os Xardois e Son de Cores poñerán ritmo ao evento.

—Que reclaman as mulleres rurais?

—Qureemos que se nos escoite. Non podemos esquecer que o rural é moi patriarcal, e que levamos moito tempo indo por detrás. Por unha vez, imos alzar a voz. As mulleres encargámonos da gandaría, a agricultura, dos coidados domésticos...e isto non pode seguir así á forza. Aínda queda moito camiño, e nós queremos formar parte del.

—Qué é o que fai falta para dinamizar máis a comarca?

—Actividades de todo tipo. É certo que cada vez hai máis asociacións, a maioría fundadas e formadas por mulleres, pero funcionan de forma altruísta. Estamos ocupando un baleiro do que non se encargan as autoridades públicas, que son os que realmente deberían mobilizarse. Nós sacamos tempo de onde podemos, e as mulleres sempre estamos detrás.