Brais Vázquez, cabeza de lista do BNG de Monterroso

la voz LUGO

LUGO

Brais Vázquez, candidato do BNG de Monterroso
Brais Vázquez, candidato do BNG de Monterroso cedida

O sábado será presentado nun acto na vila da Ulloa e súmase a outras candidaturas, como a de Ada Blanco en Friol

07 mar 2023 . Actualizado a las 12:15 h.

O Bloque Nacionalista Galego en Monterroso celebrará un acto público o vindeiro sábado, 11 de marzo, ás 20.30 horas no Centro Socio-cultural de Monterroso, no que se dará a coñecer a candidatura do BNG á alcaldía da localidade, quen terá como cabeza de lista a Brais Vázquez Lamazares. O acto contará coas intervencións do candidato á alcaldía máis da deputada por Lugo e viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil.

Brais Vázquez, candidato do BNG en Monterroso, sinala que «o BNG vai a por todas, porque Monterroso ten moito por facer con esforzo, entusiasmo e dedicación para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños».

Neste senso, Brais Vázquez salientou «este sábado o BNG presentará unha candidatura capaz de afianzar un proxecto que ilusione e faga avanzar Monterroso, persoas que se suman ao proxecto do BNG para afrontar este reto con ilusión, mais tamén, con orgullo de formar parte dun proxecto político que ten demostrado que a coherencia, o rigor e capacidade alí onde goberna, produce grandes melloras».

O candidato do BNG animou a participar no acto público deste sábado: «Convidamos a todas as veciñas e veciños ao acto público de presentación da candidatura do BNG, para que coñezan as persoas que a conformamos e para que coñezan as nosas propostas para desenvolver todo o potencial que ten Monterroso», concluíu.

Ada Blanco, candidata do BNG de Friol, con Ana Pontón
Ada Blanco, candidata do BNG de Friol, con Ana Pontón

Ada Blanco, candidata en Friol

Coa presentación de Monterroso, o BNG vai dando pasos para presentar máis candidaturas na provincia, en concellos onde non ten representación, como o citado de Monterroso, ou recentemente en Friol, onde a asamblea local aprobou por unanimidade que sexa Ada Blanco Rodríguez. Trátase dunha rapaza de 19 anos, natural da parroquia de Condes e traballadora da explotación familiar de leite en ecolóxico.

Ada Blanco, candidata do BNG, declarou: «Asumo este reto con toda a ilusión de poder traballar para mellorar Friol, e o BNG está preparado para poder acadar de novo a representación no Concello».

De igual xeito, Ada Blanco subliñou «temos confianza na capacidade de Friol para poder traballar e vivir aquí, desde o rural temos un milleiro de oportunidades de xerar futuro e que a xente moza, coma min, vexa con esperanza un proxecto de vida e traballo desde aquí, por iso, saímos a por todas».