Muras invita a ver as estrelas para recordar a traxectoria de Rosalía de Castro este sábado

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

O ceo de Muras, que conta co recoñecemento Starlight.
O ceo de Muras, que conta co recoñecemento Starlight. MARCOS LÓPEZ ALONSO

O Concello, que goza do certificado Starlight pola espléndida calidade do firmamento, prepara un día con moita astronomía en homenaxe á escritora galega

24 feb 2023 . Actualizado a las 20:21 h.

O Concello de Muras quere celebrar o 186 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha xornada cargada de astronomía na Área de Caravanas de Viveiró, xa que o concello goza do certificado Starlight, que avala a espléndida calidade do seu firmamento.

Para celebrar o día, a xornada dará comezo este sábado ás 16.00 horas co taller «Construíndo estrelas e planetas con diferentes materiais», un obradoiro dirixido a nenos e nenas a partir dos 4 anos, e tamén a adultos con gañas de ser nenos durante un anaco. Neste caso, os interesados deberán inscribirse no teléfono 982 500 012 ou a través do correo electrónico turismo@muras.gal.

A partir das 18.00 horas, haberá unha lectura de poemas da autora para recordar os seus textos máis famosos. E, ás 18.15 horas, os particpantes farán unha pequena parada para deleitarse cunha chocolatada quente.

Máis tarde, os asistentes poderán coñecer en maior profundidade a Estrela de Rosalía de Castro, un recoñecemento que logrou a Agrupación Astronómica Coruñesa Io, apoiada por outras entidades, que loitaron por poñerlle o nome da autora. O seu primeiro exoplaneta foi nomeado Río Sar, de xeito que os seguintes serán sempre definidos con palabras relacionadas coa súa obra e a súa contorna.

Para continuar co Día de Rosalía, procederase á lectura do poema «Miña casa, meu lar» de Follas Novas, que relato como unha muller pobre loita por sobrevivir. Este poema, que é a orixe do Caldo de Gloria, servirá tamén para introducir a degustación posterior.

Por último, cara a noitiña, dará comezo o taller «Estrelas do ceo de Muras», pola que os participantes poderán gozar do ceo estrelado de Muras con indicacións específicas sobre as constelacións e o firmamento a partir das 20.30 horas. Ademais, haberá unha degustación de Caldo de Gloria ben quente para vencer a friaxe da noite.

Recomendacións para ir

Os organizadores recomendan levar gorro, luvas e bufanda, así como roupa de abrigo e impermeable para poder ver as estrelas sen molestias polo frío.

Ademais, se as condicións meteorolóxicas son adversas para a observación, haberá unha proxección para todos os públicos cunha charla divulgativa de iniciación á astronomía. Todas as actividades son gratuítas e realizaranse na Área de Caravanas de Viveiró, en Muras.