A festividade remata este martes cos últimos concursos de disfraces e premios por toda a provincia
21 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Lugo capital
A cidade amurallada contará este martes co concerto de A Gramola Gominola ás 12.30 horas na Praza Maior, seguido do seu tradicional concurso de disfraces na categoría de adultos a partir das 17.00 horas. Ademais, durante a deliberación do xurado, o grupo Carta de Axuste poñerá ritmo a todo o público asistente á celebración.
Sarria
Os nenos de Sarria serán este martes os protagonistas do Entroido, xa que o Concello organiza unha festa infantil con agasallos para todos os que acudan á cita a partir das 12.00 horas na Praza da vila. Ademais, tamén contarán cun obradoiro de máscaras de 10.00 a 12.00 horas.
Foz
Este martes, ás 17.00 horas, haberá un gran baile infantil con inchables , globoflexia e xogos amenizado por unha disco móbil na Sala Bahía.
Vilalba
Os veciños de Vilalba celebran o concurso de disfraces este martes. As comparsas participantes partirán do Campo da Feira ás 17.00 horas, cun recorrido que inclúe a Avenida Terra Chá, José María Chao Ledo, Rúa de Galicia ata a Praza da Constitución, onde diante do Templete (onde estará situado o xurado) todos os participantes poderán facer unha pequena actuación se así o desexan. Os premios repartirán un total de 6.000 euros, repartidos entre os tres primeiros.
Guitiriz
En Guitiriz pecharán o Entroido co tradicional desfile de disfraces, organizado polo Concello e a Asociación Xermolos, que dará comezo ás 17.00 horas desde a Ponteveiga e rematará na Praza da Feira. Este ano repartiranse un total de 695 euros ás mellores comparas e disfraces.
Palas de Rei
Palas pecha cun certame de disfraces, con 1.120 euros en cinco categorías na Praza do Concello ás 18.30 horas.