Catuxa Salom: «Os músicos temos moita responsabilidade social, non nos podemos cruzar de brazos»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

cedida

A artista arxentina, que reside agora en Palas de Rei, leva a súa música folktrónica á Casa do saber de Lugo este mércores ás 20.30 horas

21 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A arxentina Catuxa Salom leva este mércores 22 de febreiro a súa folktrónica á Casa do Saber de Lugo a partir das 20.30 horas co seu disco «Nunha aldea».

—Como comeza a súa andanza no mundo da música?

—Eu canto dende os tres anos, despois púxenme a facer teatro e, máis tarde, comecei a tocar polas rúas de Madrid. Aí decateime de que me encantaba a música e que o meu camiño ía por aí.

—Como definiría o seu estilo?

—Eu fago unha fusión de ritmos tribais. Mesturo estilos latinoamericanos co folclore galego. Algúns chámanlle folktrónica, pero tampouco me gusta poñerlle unha etiqueta. Gústame conxugar a tradición coa modernidade.

—Sendo arxentina e emigrada en Madrid, como foi a parar a Galicia? Como nace Catuxa?

—Durante a pandemia dinme conta que vivir na cidade non era para min, así que, a partir de aí, mudeime a Palas de Rei. Non viña con expectativas de facer música, pero case sen querer comecei a compoñer cancións e aí nace Catuxa. Toda a miña familia é arxentina, pero eu fun a parar a Palas porque fixen moitos amigos galegos que levaban unha vida que me gustaba moito en zonas rurais.

—Que papel xoga o rural na súa música?

—Trátase dunha relación moi orgánica. Compoño pensando nas miñas experiencias e no meu día a día e, como vivo no rural, é imposible que os temas non se relacionen co el de forma directa, pero a miña principal inspiración son os ritmos tribais e indíxenas herdados da miña avoa arxentina. O máis importante é que a música lance unha mensaxe.

—Que mensaxe pretende transmitir coas súas letras?

—Eu quero que a xente se sinta libre e a gusto ao escoitar a miña música. Indudablemente quero defender o rural e a terra. Debemos coidar todo o que temos aquí. Hoxe en día, o mundo vai tan rápido que nos esquecemos do que temos diante. Eu creo que os músicos temos unha gran responsabilidade social e podemos prantar sementes moi chulas, por iso non nos debemos cruzar de brazos.

—Onde ve a música de Catuxa nun futuro?

—Non o sei, pero encantaríame expandila polo mundo enteiro para que chegue a todos os rincóns e a todas as persoas. Como din as Tanxugueiras «non hai fronteiras». Moitas veces pensamos que se cantas en galego, a música non chega máis aló, pero non é así. O importante da música é o que transmites.

—Como ve o panorama musical galego?

—Está en plena explosión. Xa hai moitos músicos galegos que están saíndo fóra, porque están a ter moitísimo éxito. Para min son referentes persoas como Sheila Patricia ou Tanxugueiras. Os nosos ritmos pagáns e tribais son unha fantasía, e transpórtante a outro mundo sen necesidade de viaxar. E agora, por fin, se lles está a dar o valor que realmente merecen.