Zoelas fai un canto á liberdade co seu novo tema «Cuneta da vergoña»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

Zoelas
Zoelas cedida

Esta banda de Antas de Ulla, formada por cinco cantareiras e tres músicos, buscan levar as súas cancións por toda Galicia

07 feb 2023 . Actualizado a las 10:53 h.

Xa está dispoñible a primeira canción e videoclip do segundo álbum de Zoelas, un grupo de música tradicional nado en Antas de Ulla hai case sete anos. «Cuneta da vergoña» é o título deste primeiro adianto. Toda unha declaración de intencións das súas integrantes: Patricia Coucheiro, Beatriz García, Pilar Naveira e Érica García.

A letra do seu novo tema, orixinal de Érica García, fala dunha relación entre dúas persoas que se ve interrompida pola morte, pero a mensaxe vais máis aló. «Trátase dunha reivindicación do noso pasado, e é que a música tradicional foi moi silenciada durante a represión franquista», asegura Patricia Coucheiro, unha das vocalistas.

«Mirar cara o pasado non ten por que ser sempre en clave negativa. Nós queremos mostrar aquilo que foi represión e facer un canto á liberdade de todos os músicos galegos», explica a integrante, que di que queren encamiñar o seu novo álbum nesta dirección, e con letras e melodías propias.

Despois do seu primeiro disco «Evelaités», publicado en 2018, as cantareiras buscan levar a súa música a todos os rincóns de Galicia. «Agora é complicado levar a música ás plataformas, porque hai moita competencia, pero, sexa como sexa, nós seguiremos dando concertos e mostrando o que mellor sabemos facer: cantar e pasalo ben», di Patricia.

A música tradicional é a súa maior inspiración, xa que, como asegura a seoanesa foi o que as uniu, tanto no terreo persoal coma no profesional.

«Nós somos un grupo de amigas que comezou cantando música galega e, ao final, decidimos experimentar como sería crear letras e melodías orixinais. Así que, lanzámonos á aventura», afirma.

A día de hoxe, estas catro rapazas comparten escenario con outros tres músicos: Michel Rivadulla, á guitarra, Bruno Villamor, a cargo do requinto, a zanfona e a gaita, e Miguel Varela, o encargado da percusión. «Somos un grupo que quere expresar o seu punto de vista», conclúe.