O CEIP As Mercedes de Lugo fai un lazo humano polo Día Mundial Contra o Cancro

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

CEDIDA

Un total de 300 alumnos do centro lucense reuníronse para plantar cara á enfermidade

03 feb 2023 . Actualizado a las 17:31 h.

O Centro de Educación Infantil e Primaria As Mercedes reuniu a todo o alumnado e profesorado, un total de 300 persoas, para facer un lazo reivindicativo con motivo do Día Mundial Contra o Cancro, que se celebra este sábado.

Ao igual que en anos anteriores, o centro decidiu facer a súa aportación para promover unha maior concienciación e para avanzar na prevención e control desta enfermidade, que afecta a miles de persoas en todo o mundo. 

A Muralla, iluminada contra a enfermidade

Dende a Xunta de Galicia e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Lugo tamén colaborarán un ano máis iluminando de verde o lenzo da Muralla xunto á porta de San Fernando e a sede da Delegación Territorial este sábado ás 19.30 horas da tarde.

O acto contará coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e a presidenta da entidade, Mariluz Abella, entre outros. Arias lembra que as luces permanecerán encendidas todo o sábado, e o lema, «Todos contra o cancro», «é un recordatorio de que todos sumamos nesta loita, especialmente no relativo á información e á prevención».

O delegado gaba o labor que realiza a AECC para mellorar a calidade de vida das persoas que padecen unha enfermidade oncolóxica, e lembra que a Xunta reforzará este ano os programas poboacionais de cribado de distintos tipos de cancro e porá en marcha o Centro de fabricación de terapias avanzadas (CAR-T) para elaborar novos fármacos innovadores e fomentar a atención personalizada dos pacientes; igualmente, avanza na incorporación á sanidade pública galega dun Centro de Protonterapia -en Santiago de Compostela-, actuacións que situarán a Galicia na vangarda dos tratamentos oncolóxicos.