A factura da última cea de Jesús Vázquez

María Eimil TRIBUNA

LUGO

01 feb 2023 . Actualizado a las 08:42 h.

Despois da última cea privada de Jesús Vázquez na que dixo que había unhas cen personas e pediu o voto para Lara Méndez a título particular, o presidente da federación veciñal amosou aos xornalistas una factura ao seu nome por un total de 970 €, aínda que non a deixou fotografar. Dixo que a factura era desa cea privada, celebrada nun dos restaurantes máis famosos da nosa cidade, o Manuel Manuel, porque aquilo de que pagaba a alcaldesa «foi unha broma», e quen pagou foi el, axudado por uns amigos, dixo Jesús Vázquez nos xornais.

O menú foi empanada de xamón, cogomelos revoltos con gambas, bolos preñados, paella de arroz, sobremesa, cafés, viños e licores varios. Parece que nos queren tomar aos lucenses por non moi intelixentes. Non necesito ser licenciada en matemáticas para saber que o importe final da factura non se axeita á realidade. E non lle fai ningún favor a ese prestixioso establecemento de hostalería de Lugo, que pode presumir dunha gran calidade e variada carta a dispor dos seus destacados clientes. Pero claro, non pode dar ese menú por 9,70 euros, que é o que sae de dividir a factura de 970 entre os cen convidados.

Jesús Vázquez intenta a toda costa que as augas volvan á canle do río, dado que nos últimos días tamén houbo inundacións na Federación de Veciños Lucus Augusti.

Por iso ameaza con denunciar no xulgado a quen lle gravou a cea. ¡Ánimo!. Pero vaia con xeito, que poden pasar de denunciantes a denunciados neste asunto, sen necesidade polo momento de tirar do fío das contas da federación de veciños.

Para rematar, propóñolle a Jesús Vázquez que se presente el mesmo ás eleccións. Pode crear un partido, por exemplo o PAL (Partido do Amado Líder), e chegar ao cumio con un proxecto provincial de esquerdas que podería ser a envexa do mesmo Jácome o do señor das luces led.

Despídome. Se non nos vemos antes, ata o 14 de abril (Día da República) onde asistirei ao seu mitin (é broma) dos Milagrosistas. Prepáreo ben, porque se grava.