Antón Baamonde, escritor: «O rural ocupa moito no papel, pero só representa o 5% do PIB de Galicia»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/LA VOZ

LUGO

Antón Baamonde publica «Unha nova Olanda».
Antón Baamonde publica «Unha nova Olanda». CEDIDA

O filófo e ensaísta presenta o venres o seu novo libro «Unha nova Olanda» a partir das 19.00 horas no Vello Cárcere

26 ene 2023 . Actualizado a las 16:50 h.

O filósofo e ensaísta Antón Baamonde (Vilalba, 1959) presenta o venres no Vello Cárcere a partir das 19.00 horas o libro «Unha nova Olanda». Trátase, segundo asegura o propio autor, dunha «pintura bastante descitiva da organización do planeta», coa que pretende crear un marco adecuado para analizar a situación concreta de Galicia. Dende as súas comunicaciós, ata a economía e tecido empresarial, pero tamén o eido cultural e identitario de cada unha das cidades galegas.

—No seu libro di que Galicia debería pensarse como unha única cidade con varios nós. A que se refire?

Aquí pasa como en Holanda, que non hai unha gran cidade que teña toda a xerarquía, senón que hai unha rede urbana con sete cidades diferentes repartidas. Os holandeses intentan promover un modelo de cidade compacta moi ben tramada a través do tren, e nós, deberiamos facer o mesmo. A idea é artellar unha cidade que sexa a protagonista do futuro económico sen perder a identidade de cada unha delas.

—Como se debería articular Galicia para lograr unha mellora estrutural?

Galicia é urbana, tanto a nivel de produción empresarial como culturalmente. Por iso, o que debemos facer é cambiar de paradigma e artellar un tecido conxunto que nos permita un maior desenvolvemento dende estes núcleos. O futuro social e económico galego está nas urbes. A poboación formada nas cidades medias, como é o caso galego, emigran cara Madrid e Barcelona. Entre o 2002 e o 2012 emigraron 300.000 rapaces galegos para buscarse a vida, por iso temos que organizar unha economía compacta, onde as cidades teñen un papel fundamental.

—E, que pasa cos núcleos rurais?

O rural tal e como o coñeciamos acabouse. Hoxe en día está todo capitalizado a través de empresas gandeiras ou de viño e, unicamente representa o 5% do PIB de toda a Comunidade. Os núcleos rurais ocupan moito no papel, pero a realidade é que o urbano representa o dobre no tecido económico.

—Como podemos crear unha rede compacta entre as sete cidades galegas?

Hai que maximizar as nosas capacidades florencendo as comunicacións, especialmente por tren. As cidades galegas teñen un espazo reducido e, aínda así, resulta complicado ir dun lugar a outro. Tamén é fundamental constituír unha economía de aglomeración con Portugal, porque a continuidade demográfica e económica é innegable. Deberiamos deixar de lado certos localismos. Porén, o principal problema de Galicia é a incompeencia política.

—Considera negativo ese «localismo» polo que abogan as ciudades?

Hai un localismo bo e outro malo. É normal que tires polo teu, e incluso certa competitividade con outras persoas. O que non apoio é que os alcaldes intenten deprestixiar a outras cidades para favorecer o propio. O que busca inimigos, mal vai. A economía urbana ten que buscar unha panca de desenvolvemento para compactar as cidades en torno ás comunicacións e economías, porque son os lugares dende onde se xeran sinerxias e contactos humanos. Son as protagonistas das economías.

—E, a falta de localismos, non poderían acabar coa falta de identidade dos pobos?

Crear unha sinerxía empresarial non implica desbotar a identidade dos pobos. Cada cidade ten a súa historia, pero a identidade tamén cambia a raíz das circunstaccias sociais e económicas, ao igual que as persoas, e iso non implica perdelas.