Ángeles Novo, nutricionista: «A xente ten medo ós lácteos enteiros, pero engordan menos que os desnatados»
LUGO

A dietista impartiu unha charla na UNED de Lugo para todos os interesados en «aprender a comer»
27 ene 2023 . Actualizado a las 17:13 h.A nutricionista do Hospital Quirón de Lugo impartiu unha charla na UNED para todos os interesados en aprender a relacionarse coa comida dunha forma máis sa no seu día a día.
—Como podemos levar a cabo unha alimentación saudable?
—É importante saber equilibrar o consumo dos alimentos e planificar as comidas con antelación. Debemos aumentar o consumo de vexetais, froitas e legumes, xa é moi reducido, e son moi necesarios. Debemos baixar o consumo de carnes vermellas e procesadas, tanto friame non é bo. O mesmo pasa cos ultraprocesados, xa que tendemos a comer moitas galletas no almorzo pensando que son boas, pero hai outras opcións moito máis saudables.
—Que debería levar un almorzo equilibrado e san?
—Unha boa opción é introducir o pan integral en lugar do de molde. Pero unha das cousas máis importantes, e que a maioría de xente non sabe, é que deberiamos desbotar os lácteos desnatados e empezar a introducir os enteiros. A xente ten medo ó lácteo enteiro, pero é moito máis saudable que o desnatados.
—E isto, a que se debe?
—Á calidade nutricional, xa que, no caso dos lácteos, atópase na graxa. A vitamina D é liposoluble, e, nos alimentos, só se atopa nos lácteos enteiros, nos ovos e nos pescados azuis. Os desnatados non nos aportan a vitamina D nin o calcio que precisamos. Isto é aplicable a calquera persoa, incluso se o que se busca é adelgazar. Un iogur de sabores desnatado ten máis azucre que un enteiro, polo que sacia menos e ralentiza a dixestión.
—A xente debería seguir algunha dieta para estar en forma e saudable?
—Hai que escapar de todas as dietas que teñan nome e apelido, porque a comida non é unha cuestión temporal. O que temos que facer á aprender a comer. As dietas teñen un principio e un fin, pero a nosa alimentación non. Debemos parar de contar calorías e pesar alimentos. O comer é algo moi social e emocional, polo que é moi común que as dietas xeren ansiedade entre a poboación que as segue, e iso non é saúde.
—Como podemos adquirir bos hábitos sen facer dieta?
—É importante reflexionar e pensar se realmente nos vemos comendo como o facemos agora a longo prazo. Non hai unha forma de facelo correcta, á que todos nos teñamos que adaptar, iso depende da persoa, dos horarios, das defensas, do sistema, etc.
—E, hai alimentos malos?
—Non. O que hai son malas frecuencias. Ningún alimento por si só nos vai aportar saúde nin nola vai quitar. Hai que comer con máis frecuencia algúns alimentos e outros menos, pero aquí non hai variña máxica. Os resultados vense a longo prazo, non en dous días.