Touriñán: «Vivimos nun tempo no que a xente se ofende por todo, e iso acaba angustiando»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO

LUGO

Touriñán ofrecerá un novo show este sábado en Lugo.
Touriñán ofrecerá un novo show este sábado en Lugo. Basilio Bello

O cómico volta ó teatro con «Recortes, caneos e outras formas de driblar», unha obra que analiza o impacto social do fútbol

14 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé A. Touriñán chega a Lugo cun novo show chamado «Recortes, caneos e outras formas de driblar», dirixido por Tito Asorey, no que o dramaturgo pon sobre a mesa as dúas caras da moeda no mundo do fútbol: a máis amable, pero tamén a aceda, esa da que a xente non fala tanto. O público poderá gozar deste novo espectáculo hoxe mesmo no Auditorio Gustavo Freire a partir das 21.00 horas.

—Que se vai atopar o espectador nesta obra?

—É unha peza cómica e musical sobre o mundo do fútbol e todo o que o rodea. Intentamos buscar os motivos polos que a xente se engancha tanto a este deporte, pero tamén o lado máis escuro e menos exposto nos medios.

—Por que cree que a xente «se engancha» tanto ó fútbol?

—A verdade é que está por todos lados e, eu mesmo, teño paixón por este deporte. Queiramos ou non, estamos rodeados de fútbol, e inflúe en moitos máis eidos da nosa vida. Tamén penso que te fai sentir dentro dunha familia, coma se fose un clan ou unha tribo, e todos necesitamos sentirnos parte de algo. Realmente, é un dos deportes máis aburridos de ver, pero a paixón está aí, e senón que llo digan a Arxentina. É algo irracional, é un lugar que che permite sacar a besta que todos levamos dentro. Trátase dun dos poucos ámbitos nos que te podes expresar libremente a día de hoxe.

—E cales son esas «partes escuras» deste deporte?

—Para chegar a ser un dos elixidos , moita xente ten que deixar de lado a súa vida e, nalgúns casos, a saúde. Ademais, tamén poñemos sobre a mesa a homosexualidade dentro do fútbol, xa que continúa a ser un tema tabú entre os equipos. Moitos xogadores non poden expresar libremente a súa orientación sexual, e é algo que queremos mostrar e denunciar neta obra.

—Cal é o seu papel na peza teatral?

—Eu fago dun tipo moi normal que é un apaixoado do fútbol. En parte, síntome bastante representado, pero non comparto a súa violencia e a furia desmedida.

—Con que se sinte máis identificado, como actor ou como cómico?

—Como humorista sempre. Penso que este xénero está moi infravalorado e que custa moito máis facer rir á xente que chorar. Por algo será. Os premios lévanos os actores de dramas, pero facer comedia é mil veces máis difícil. Eu síntome moi orgulloso de ser un pallaso e de ser cómico.

—A que se houbese dedicado se o humor non saíse ben?

—A ser futbolista, pero o non me dá o corpo e non me gusta correr. Eu estudei Filoloxía galego-portuguesa para ser mestre, pero a vida dá moitas voltas. Agora non me vexo moito aguantando a adolescentes.

—Para vostede, o humor ten límites?

—Eu creo que se pode facer humor con todo, sempre e cando sexa humor. Cada vez hai que ter máis coidado e ser correctísimo, pero temos que entender que aínda estamos aprendendo e non debemos cancelar á xente tan rápido. Os que traballamos co humor temos unhas liñas vermellas que nos coartan bastante agora. Vivimos nun tempo no que a xente se ofende por todo, e iso fainos estar tristes e angustiados.