Da igrexa á sidra: os curas xemelgos que apostan polo negocio das mazás

CANDELA F. ROLDÁN LUGO / LA VOZ

LUGO

Jesús e José Río Ramilo, os párrocos de Quiroga e Becerreá.
Jesús e José Río Ramilo, os párrocos de Quiroga e Becerreá. Manuel Guede

Jesús e José Río Ramilo, irmáns e párrocos de Quiroga e Becerreá respectivamente, teñen unha plantación de maceiras de 19 hectáreas en Baleira coa que emprenden un novo proxecto en común

05 ene 2023 . Actualizado a las 22:03 h.

Jesús e José Río Ramilo comparten apelido, vocación e negocio. Estes dous irmáns xemelgos de Triacastela levan dando a misa en distintas parroquias da provincia de Lugo dende hai 13 anos e, agora, lanzanse de cheo ó mundo empresarial.

Os párrocos levan unha plantación de 19 hectáreas de maceiras en Queirogal (Baleira), que cultivan eles mesmos dende o 2017, e este é o primeiro ano que decidiron vendelas a unha empresa de sidra astruriana. «A sidra é un produto en tendencia, cada vez hai máis demanda e, ademais, non nos dá moito traballo», explica Jesús, cura en Quiroga, que viaxa ó concello de Baleira cada vez que ten un momento libre.

José, que dá a misa en Becerreá dende o pasado mes de outubro, estivo ata hai pouco traballando en A Fonsagrada e di «lamentar moito non ter collido un décimo desta vez». Deixando a fortuna de lado, os irmáns prefiren apostar polo que eles ven como un negocio rentable e seguro: a sidra.

«Segundo os gráficos, 19 hectáreas deberían dar entre 17.000 e 20.000 kilos, e en plena produción unhas 400 toneladas», asegura Jesús. A pandemia deu para moito, e os irmáns comezaron a tomar máis en serio o cultivo a partir deste momento. «Daquela tiñamos máis tempo e decidimos botarlle máis horas, pero non o tomamos como un traballo, máis ben é unha forma de pasar o tempo neste bonito entorno», sostén o párroco de Quiroga.

Pero os irmáns non están sós no negocio, o seu pai e o seu irmán menor tamén botan unha man á hora de traballar. «É unha cuestión familiar, o único que non compartimos co noso irmán é oficio litúrxico. El di que quere ser libre», declara Jesús entre risas.

Mesmo seminario, distintos destinos

Jesús foi o primeiro en ter claro o seu futuro. «Con 13 anos xa sabía que quería ser cura. Estabamos os dous no seminario e José animouse pouco despois ca min». Os xemelgos, que comparten case ata o mesmo número número de teléfono, coa única diferenza dunha cifra, din que á familia non lle sorprendeu a súa decisión en absoluto. «Era algo que xa se vía vir», sostén José.

Tempo despois daqueles primeiros anos no seminario, os xemelgos todavía comparten liturxia nalgunhas ocasións. «Un día estaba dando a misa en Quiroga e veu José comigo. Enseguida notei que unha señora estaba buscando as diferenzas entre un e outro. Eu púxenme máis preto del para que puidese vernos con claridade. Parecía que non daba crédito», explica Jesús.

«Nunca confundimos ós fregueses de forma intencionada, pero ás veces é inevitable crear confusión», afirma José, que asegura que o tempo lle pasa «demasiado rápido, como un suspiro» porque ten a sorte de adicarse ó que lle gusta e, aínda por riba, emprender noutros eidos, como é o caso da sidra.

Ambos aseguran que a plantación non é un traballo para eles e, ata o de agora, non se plantexaran estender a súa comercialización, pero non descartan abrir novos horizontes. «Levamos un ano comercializando, aínda é cedo para sacar conclusións. Tempo ó tempo», conclúe José.