Lucía Rodríguez, «Recollín máis de 300 expresións propias da comarca de Ancares»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO

LUGO

Lucía Rodríguez recolle as expresións ancaresas en «Luadas»
Lucía Rodríguez recolle as expresións ancaresas en «Luadas» CEDIDA

A naviega recolecta algúns dos termos máis peculiares da montaña lucense no libro «Luadas», que acaba de autoeditar

27 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

 Lucía Rodríguez (Navia de Suarna, 1999) teno claro. Ela escribe para non olvidar quen é e de onde vén. Agora reside en Barcelona, onde estuda un curso de redación publicitaria, pero a súa cabeza segue en Navia.

Salgueiras é a vila dos seus avós, pero tamén é unha das súas maiores fontes de inspiración dende que ten uso de razón. «Dende hai algún tempo empecei a recoller todas aquelas palabras que me soaban raras ou peculiares. As expresións que empregan os meus avós e a xente maior de Navia», explica Lucía, que logrou compoñer un dicionario de 350 palabras propias da comarca ancaresa.

«Luadas» é o libro no que materializa algúns deses termos cos que medrou. «Escollín 21 palabras, unha por cada letra do abecedario», di a naviega, que dedidiu facer esta obra para a asignatura de ‘Conceptualización', onde lle pediron un proxecto editorial conceptual para clase.

«Pedíronme algo persoal, así que non dubidei en centrarme en Navia», sostén Lucía, que recoñece que en Barcelona, e nas grandes cidades en xeral, o rural queda máis afastado do ollo público. «Non debemos esquecer de onde vimos e o que temos aquí, por iso decidín ecribir ‘Luadas», argumenta a autora, que exemplifica cada un dos termos do libro con fotografías feitas por ela mesma. «En moitas delas saen os meus avós. Ao final, é inevitable que eles formen parte da miña inspiración», declara.

Luada: o momento no que aparece un raio de sol despois dun día gris e chuvioso

«Luada», o título do seu primeiro libro, é o momento no que aparece un raio de sol despois dun día gris ou chuvioso. Cando deixa de chover, dáse iso que se coñece como «a chamada do pastor», que é o momento do día no que os veciños poder ir recoller o gando.

«Chameille así ó libro porque, precisamente, eu recollo todas esas palabras que son luadas: aparecen sen esperalas en conversacións cotiás e son grandes sorpresas para min», sostén a publicista.

Lucía, que comezou este proxecto como simple traballo para clase, recoñece que lle dá «pena» que se quede niso. «Para min ten un gran valor. Un libro é algo de verdade, que se pode tocar, e iso é o que pretendo con el: que chegue a máis lugares e que non morran as expresións que nos acompañaron a moitos de nós dende pequenos», afirma a escritora, que busca financiamento para poder levar este pequeno tesouro a otras partes.

«Os meus profesores déronme as gracias porque descubriron un mundo totalmente descoñecido para eles», explica. «Todo o que me ensinaron os meus avós intento apuntalo e telo presente para cando xa non estean aquí», di Lucía, que non é o primeira iniciativa que leva a cabo tendo como protaganista a comarca de Ancares, xa que tamén decidiu centrar o seu Traballo de Fin de Grao na montaña lucense.

«O importante é evitar que desapareza a nosa cultura e o noso patrimonio lingüístico, que non é pouco», explica a naviega, que reclama como obxectivo primordial o mantemento da tradición como unha forma de perpetuar a identidade de cada pobo.

«Sen cultura, perdemos a esencia dos lugares e das persoas»

«A cultura é fundamental porque é a ferramenta que crea identidade. Sen ela, pérdese a esencia dos lugares e das persoas», asegura.

Lucía, que sempre tivo claro que quería vivir na súa aldea natal, recoñece que cada vez o ve máis complicado. «O rural segue vivo e vivirá, pero é complicado adicarse a sectores como a publicidade, así que non o teño claro. A cultura sempre estivo relegada a un segundo plano, pero si que vexo que cada vez hai máis xente interesada en facer cousas aquí, sen saír da casa», afirma.

Lucía, que tamén escribe artigos coa súa terra como protagonista para O Ferrado e O Argueiro de Ancares, cree que o problema do rural é «a falta de participación». «Sempre hai algunha actividade, mesmo a semana pasada celebrouse un roteiro poético en Navia, pero a xente aínda non valora o suficiente o noso patrimonio, nin o material nin o inmaterial», di.

Neste intre, Lucía tamén participa nunha plataforma chamada Aldear, na que leva as redes sociais e organiza eventos culturais no rural de Lugo e de Ourense. «Os coidados ó mundo rural son fundamentais, por iso eu non desisto», afirma Lucía, que recoñece que a comarca de Ancares é a esencia coa que traballa e que pervive nela.