Promesas e incongruencias. Outra volta sobre a sé da Vicerreitoría

ADOLFO DE ABEL VILELA

LUGO

13 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Decátome de que á Xunta de Goberno da Universidade non lle gustou que o Concello de Lugo lle pedise que reconsiderase o peche do edificio onde estaba a Vicerreitoría do noso Campus, cualificando a solicitude de inxerencia doutra Administración na súa toma de decisións coa escusa de que é un organismo autónomo, e como tal parece que debemos entender que pode facer da súa capa un saio. Tal argumento causou en min certa decepción tendo en conta ademais que o xerente, que aparece como executor desta decisión, é profesor de Dereito Administrativo, e supónselle coñecedor de como funciona a Administración Local e unha sociedade democrática.

Imos ver se aclaramos as cousas.

Non serei eu o que saia a defender ao Concello de Lugo porque non é a miña función, son 25 contra 1 e malo será, repartidos en catro grupos políticos que teñen a representación de todos os habitantes e tamén a obriga, entendo eu, de defender os intereses dos lucenses, se consideran que teñen algo que dicir sobre o asunto, ben corporativamente ou individualmente.

Como dicía meu pai, que era filósofo, imos ver se aclaramos as cousas. O Concello como Corporación ten a nosa representación legal e democrática, e por iso non só ten a capacidade senón tamén o deber de defender os intereses da colectividade, e pode chamar a atención de calquera administración, organismo, asociación, entidade ou empresa privada, cuxa xestión e actuación considere que poda resultar lesiva para os intereses da comunidade.

Aínda que o exemplo posto polo xerente non é de aplicación ao caso pola cuestión dos subsidios, o claustro da USC tería toda a capacidade legal e moral para dicirlle ao Concello de Santiago onde debería poñer a oficina de recadación, se puxera os cartos para a súa instalación, non hai ningunha norma que llo impida. Outra cuestión é que lle teña que facer caso.

A Universidade de Santiago, establecida por lei en dous campus anque non lle guste a este equipo, o de Compostela e o de Lugo, non é unha universidade privada, senón pública que se financia cos nosos cartos. A Deputación Provincial de Lugo, investiu na compra de terreos e construción de edificios universitarios do Campus moitos millóns de euros, e mesmo segue hoxe financiando algún dos seus servizos. O Concello tamén fixo e fai as súas aportacións, repito, con cartos públicos, e como son de todos, tanto o Concello como a Deputación ou eu mesmo como cidadán, somos quen de criticar unha decisión ou unha xestión que consideremos equivocada.

 Crear falsas expectativas para saír do lío

A xustificación dada polo xerente sobre a retirada da fachada do edificio do pequeno letreiro que o identificaba, non só me parece infantil senón tamén pouco crible, pois se xa o edificio deixou de cumprir coa función que tiña, o lóxico é retirala para evitar confusións, que é o que se fixo, pero agora ao ver as consecuencias aléganse razóns estéticas para xustificalo, pois tivo tempo de retirala desde que é xerente si era ilegal e tan horrenda por estar próxima á muralla, esqueceuse da catedral. Eu daríame cun canto nos dentes se a única ofensa estética que a muralla poda ter na súa contorna fose a tal placa.

Agardar que a tenda que se promete poñer no edificio de Montenegro lle dea visibilidade e empaque, é levantar falsas expectativas pois sendo como a que hai no portal de Fonseca, calquera que a coñeza, sabe que é un pequeno mostrador con chilindradas relacionadas coa Universidade colocado nun recuncho. Ben faría o reitor en ofrecernos algo mellor ademais de etéreas actividade culturais no salón da chamada Casa do Saber, que nos dixera por que non queren instalar no edificio agora sen uso, o Museo da Domus do Mitreo. Así xustificaríase a tenda, o equipo reitoral ganaría credibilidade, e como se cobra entrada, a Universidade tería ingresos e contribuiría ao desenvolvemento do turismo cultural na cidade.

Levalo a onde está a materia prima

O dito por Emilio Carral Vilariño e comprensible pola miña parte pero incongruente e nada equitativo. Expoño as razóns. En máis dunha vez se lle escoitou dicir ao xerente nun primeiro momento que o Campus de Lugo era igual que o de Santiago, e por iso non precisaba ter aquí estrutura propia; despois pasou a cualificalo de peculiar e agora xa di que é un campus deslocalizado. E dicir resúltalles como un furúnculo en salva sexan as partes. E iso é o que xustifica o proceso de desmantelamento iniciado por este equipo a pesar de que hai quen non o cree baseándose no que nos din. Certo é que legalmente non son quen de facelo desaparecer pero os feitos están aí para quen queira ver a degradación da calidade dos servizos.

Non podo compartir o que di o amigo Carral de que o vicerreitorado ten que estar alí onde se sitúa a materia prima e non enfronte da catedral, en concordancia co que di o xerente de que non é normal estar lonxe do campus, xa que a xestión e a administración deben de estar alí, porque entón xa pode este señor dispoñer que o reitorado e as vicerreitorías con todo o seu persoal e servizos establecidas no pazo de San Xerome en Santiago, curiosamente tamén fronte á catedral como en Lugo, e a xerencia con todo o persoal que está na Rúa Nova na Casa da Balconada, se trasladen ao campus sur de Compostela. Si o profesorado, o alumnado e os traballadores do Campus de Santiago teñen os mesmo dereitos que os de Lugo, é o que en boa lóxica debería facer para que non se sintan discriminados e evitarlles as molestias de ter que ir ao casco histórico ateigado de peregrinos e turistas, inconveniente que por desgraza non temos en Lugo.