Momentos estelares

María L. Sández

LUGO

06 dic 2022 . Actualizado a las 17:28 h.

Este 7 de Nadal, día de tránsito entre dous festivos, comemoramos a morte, no ano 43 a. C, de Marco Tulio Cicerón. Quizais poida semellar un acontecemento irrelevante e remoto; mais asegúrolles que, grazas á documentación histórica e á fascinación que o personaxe espertou nun dos máis brillantes autores de biografías, o escritor austríaco Stefan Zweig, estou en condicións de afirmar que é moi oportuno achegarse á súa figura, con toda a súa intensidade tráxica e o seu inmenso patetismo.

Stefan Zweig foi outra vítima da historia, unha das moitas que se levou por diante a terrible II Guerra Mundial que, como xudeu, o expulsou da súa Viena natal e acabou coa súa vida. Cicerón é o protagonista do primeiro capítulo dun libro engaiolante que, na súa tradución castelá, se titula Momentos estelares de la humanidad. A documentación histórica e a súa fina sensibilidade conxúganse nunhas poucas páxinas nas que podemos sentir o buligar do seu corazón e ser cómplices do seu pensamento, compartindo, por exemplo, a dor pola morte da súa amada filla Tulia, as angustias ante a perda do sentido democrático da República romana e a súa substitución pola tiranía, o antagonismo con César, non exento de admiración mutua ou o seu desprezo cara a Marco Antonio.

A descrición da morte de Cicerón é terrible, como o é, decote, a historia: quen fora o máis grande dos oradores romanos, un home brillante cun pulo filosófico e artístico levado á política por convencemento da necesidade, entrégase ao seu destino sen resistencia, pedindo só que o maten dignamente. Penduraron a súa cabeza e a súa man dereita no Foro para escarnio público. Como dicindo: “Por que non falas agora?” Mais non conseguiron borrar a indeleble pegada da voz vibrante daquel rapaz de familia plebea que o talento impulsou ao máis alto do Senado romano, un dos poucos que sostivo o soño dunha república romana que non cedese á tiranía. Por iso cómpre recordalo. A historia ponnos, unha e outra vez, ante os mesmos cruces de camiños.