
O autor foi lembrado no Auditorio Gustavo Freire un ano despois da súa morte
19 nov 2022 . Actualizado a las 11:17 h.O documental «Roy Orbison e amigos» recolle unha actuación do cantante de finais dos anos oitenta na que con el aparecen outros músicos coñecidos. Bruce Springsteen, Tom Waits ou Jackson Browne son algúns dos que o acompañan. Co título de «A black and white night» publicouse un disco dobre, que inclúe cancións tan coñecidas coma Only the lonely» ou Oh, pretty woman» e no que o acompañan os músicos que colaboran no documental.
Se no serán deste venres, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, se tivese gravado un documental, poderíase titular «Darío e amigos». Un ano despois da súa morte, o escritor nado na parroquia de Roás (Cospeito) segue vivo en Lugo, cidade na que viviu moitos anos, e na memoria de moitos, xentes que o coñeceron uns e só coñecedores da súa obra outros.
«Un ano sen o Darío» era o título da homenaxe, na que houbo intervencións de amigos e tamén unha parte musical, pois estaba previsto que actuasen Pilocha, Branca Villares, Luciano Pérez e Daniel Carballo. Tamén había no programa unha parte dedicada a intervencións doutros escritores, coma Xosé Miranda, Paco Martín ou Antón Dobao.
Os organizadores acordaon celebrar o acto como un xeito de homenaxe ás virtudes persoais de Darío Xohán Cabana e de agradecemento pola súa obra. O escritor comezou facendo poesía: a esa primeira etapa pertencen títulos coma «Verbas a un irmao» ou «Romanceiro da Terra Chá», aínda que seguiu cultivando o xénero anos depois, con obras coma «Patria do mar».
Foi tamén novelista: «Galván en Saor», «Fortunato de Trasmundi», «O cervo na torre» ou «Morte de rei» son só unha escolma da súa produción. Tamén percorreu os camiños da narrativa infantil e xuvenil, con obras coma «As aventuras de Breogán Folgueira», e da tradución, pois verteu ao galego a Dante («A divina comedia») e a Petrarca («Cancioneiro»).
A Real Academia lembrouse del, e ocupou a cadeira que antes pertencera ao seu amigo e guía Manuel María. Parentes e amigos lembrárono un ano despois da súa morte, pero quedan por diante tamén, para eles e para outra moita xente, moitos anos para gozar da súa ampla e variada obra, que ten un posto destacado na literatura galega recente.