Darío Villanueva, exreitor da USC: «Agrádame que haxa reacción en Lugo contra este erro de pechar o vicerreitorado»

Miguel Cabana
miguel cabana LUGO / LA VOZ

LUGO

Dario Villanueva foi reitor da USC e director da RAE.
Dario Villanueva foi reitor da USC e director da RAE. Eduardo Pérez

O prestixioso hispanista, exdirector da RAE, considera que é un paso atrás para a cidade e para a USC que o vicerreitorado abandone o centro

17 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Darío Villanueva foi o reitor da USC que puxo en marcha o plan para integrar a universidade e la cidade de Lugo. Como lucense que era por ter vivido en Lugo e como home de visión universal, el e mais o seu equipo, encabezado polo vicerreitor Francisco Maseda, atroparon un lugar emblemático para o vicerreitorado no antigo pazo de Montenegro, que co tempo se converteu no lugar onde conflúen os tres patrimonios da Humanidade: o Camiño de Santiago, a Muralla e a Catedral.

—¿Parécelle un erro grave retirar o Vicerreitorado do centro da cidade?

—Si. Agradezo que se acorden de que nós o puxemos en marcha e comparto o que dixo Paco Maseda, que foi vicerreitor comigo, de que o proxecto de ubicar a sede no casco histórico foi moi oportuna e importante.

—¿Como foron aquelas xestións para construír o edificio?

—Conseguimos venderlle á Xunta o edificio das antigas escolas de empresariais, para que levantase alí os xulgados, que é onde están hoxe. E con ese diñeiro que ingresou a universidade, buscamos un edificio para ubicar a sede. Había naquel momento un plan de rehabilitación total da Xunta para a zona, que tamén nos axudaba, e conseguimos encontrar o que buscabamos: unha casa nobre de referencia, ao pé da porta de Santiago, para vincular o campus de Lugo ao de Santiago. E durante as obras apareceron os restos romanos, que viñeron completar a riqueza e o simbolismo do lugar, engadíndolle o mundo romano. Por iso inauguramos só o edificio do vicerreitorado, e o museo e a Domus tiveron que esperar uns anos máis a que rematase a escavación e o novo edificio.

—Foi unha sorte que apareceran os restos, pola riqueza que aportaron á cidade.

—Si. Foi importante para Lugo. E para a USC tamén, porque xa tiñamos un edificio do século XVI, Fonseca, é de repente gáñanos 14 séculos máis. Eu sempre pensei que Lugo aínda tiña que potenciar máis os vestixios romanos.

—Xa dixo que está desgustado con esta situación de sacar o vicerreitorado do centro.

—Estou desgustado con esta situación porque desvirtúa un proxecto que non foi un capricho, senón un plan traballado para que gañasen as dúas partes: a cidade e a universidade. Por iso me agrada que haxa unha reacción por parte dos partidos e das forzas sociais en Lugo.

—Parece que en cada cambio de goberno na universidade hai un risco de eliminar o que fixeron os anteriores, seguindo uns principios personalistas máis que universalistas ou universitarios.

—Non creo en modo algún que esa sexa a postura do actual reitor, que foi vicerreitor comigo, precisamente cando deseñamos o plan do vicerreitorado de Lugo.

Noutras ocasións xa se tomaron decisión parecidas que finalmente se viu que eran erróneas e cambiáronse. Esa é a riqueza da universidade e dos homes de ciencia, que hai que ir avanzando e mellorando a partir do pasado, e da superación dos erros. Un caso moi parecido ocorreu hai anos en Santiago. Co gallo do V centenario da USC o consorcio da cidade cedeunos a finca de Vista Alegre onde rehabilitamos un palacete para convertelo na Casa de Europa, unha residencia para profesores visitantes. Houbo un intento de pechala, tamén con argumentos económicos, porque iso da necesidade de aforrar non é nada novo, Pero reaccionamos, analizouse de novo a situación e non se pechou. Segue sendo un emblema de prestixio para a USC e cumpre a súa función. Iso pódese facer exactamente igual agora en Lugo. E teño esperanza en que así sexa. A Casa de Vista Alegre simboliza o carácter europeo da USC, e o complexo do vicerreitorado na casa de Montenegro e a adxunta Domus Mitrea, a vinculación entre a Universidade é unha das meirandes cidades romanas de Europa.