Que se pode facer este venres en Lugo?

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Darío Xohán Cabana, lendo o pregón do San Froilán do ano 2015.
Darío Xohán Cabana, lendo o pregón do San Froilán do ano 2015. ALBERTO LÓPEZ

Darío Xohán Cabana é homenaxeado no Gustavo Freire e continúa o Festival de Jazz

17 nov 2022 . Actualizado a las 20:46 h.

A fin de semana comeza en Lugo con actos culturais variados. Literatura e música ofrecen boas propostas para o tempo de lecer, sen esquecermos as reflexións arredor da lingua, incluídas nun libro que se presenta este venres.

Homenaxe

Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 - Lugo, 2021) foi novelista, poeta, tradutor... e lugués. Un ano despois do seu pasamento, este venres (Auditorio Gustavo Freire, 19 horas) celébrase unha homenaxe, organizada por amigos e compañeiros do escritor: Pilocha, Branca Villares, Luciano Pérez, Daniel Carballo, Paco Martín, Marica Campo, Xosé Miranda, Xosé María Álvarez Cáccamo, o Mago Antón, Ana Dopazo, Luisa Gil, Anxo Angueira, Ania Pino, Xoán Ramiro Cuba e Antón Dobao forman ese grupo.

O acto, «Un ano sen o Darío», celébrase nun edificio que foi durante anos lugar de traballo do escritor, unha das principais voces da literatura galega nas últimas décadas.

Presentacións

Pilar Falcón é a autora da obra Un camiño de Cine Xacobeo, que se presenta este venres (Seminario de Lugo, 19 horas). O deán da catedral de Lugo, Mario Vázquez, e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño na provincia, Ángel Trabada, estarán tamén presentes no acto.

O investigador Miguel Rodríguez Carnota presenta (Centro Cultural O Vello Cárcere, 20 horas) o libro Lingua, poder e adolescencia. A obra é un estudo da biografía lingüística dun grupo de rapaces nunha vila e nun instituto. Santiago Quiroga, membro de Nova Escola Galega, acompañará ao autor.

Música

O Festival de Jazz de Lugo inclúe este venres tres concertos. O primeiro (Círculo das Artes, 20.30 horas, entradas a 15 euros) é o de Henri Texier Quintet. Logo (Club Clavicémbalo, 22.30 e 23.45, entradas a dez euros para os dous concertos) actúan Gene García e Stompy Seven Jass Band.

Danza

En Vilalba (Auditorio Municipal, 20.30 horas) represéntase o espectáculo de danza «Pioneiras». Trátase dunha homenaxe ás mulleres que comezaron a loitar pola igualdade e ás que seguen a loitar e dunha lembranza ás que foron vítimas da violencia de xénero. Organiza o Concello, dentro das actividades programadas co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.