Darío Xohán Cabana será lembrado en Lugo un ano despois da súa morte

X.M.P. LUGO / LA VOZ

LUGO

Darío Xoán Cabana viviu en Lugo e fixo parte da paisaxe humana da cidade
Darío Xoán Cabana viviu en Lugo e fixo parte da paisaxe humana da cidade OSCAR CELA

O Auditorio Gustavo Freire acollerá unha homenaxe o día 18

14 nov 2022 . Actualizado a las 22:04 h.

Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 - Lugo, 2021) será lembrado o vindeiro venres (Auditorio Municipal Gustavo Freire, 19 horas) no primeiro cabodano da súa morte. Xente que foi amiga súa organiza a homenaxe, nun escenario que non se escolleu por casualidade. O Auditorio Municipal Gustavo Freire foi durante anos o seu lugar de traballo, e os organizadores queren lembrar a súa xenerosidade e a súa bondade.

O acto terá intervencións de vinte persoas, pertencentes ao mundo da literatura e da música pero unidas pola condición de teren sido compañeiras e amigas do escritor. O acto concíbese como recoñecemento a Darío Xohán Cabana pola súa contribución á cultura galega e pola súa dimensión humana.

Darío Xohán Cabana, nado no concello de Cospeito, viviu boa parte da súa vida en Lugo, onde faleceu o 16 de novembro do ano pasado. O seu labor na literatura galega inclúe obras de narrativa e de poesía ademais da tradución de autores coma Dante («A divina comedia») ou Petrarca («Cancioneiro»). Pertenceu a Real Academia Galega e colaborou con La Voz de Galicia durante moitos anos.

A súa traxectoria poética comezou na súa mocidade, con libros coma «Verbas a un irmao» e «Romanceiro da Terra Chá». Canto á narrativa, con obras coma «Galván en Saor» e «O cervo na torre» gañou o Premio Xerais de novela.

As imaxes de Darío Xohán Cabana en Lugo

Lugo chora a perda de Darío Xohán Cabana

la voz

O pasamento do escritor e académico Darío Xohán Cabana está a causar conmoción na sociedade lucense e, especialmente no eido da cultura. Desde o momento no que se coñeceu o seu falecemento están a ser numerosas as mostras de cariño e lembranza.

Desde a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo trasladaron «o noso máis profundo pésame á familia e achegados de Darío Xohán Cabana. Hoxe é un día triste para a cultura e un día triste para esta cidade e máis nesta Área do Concello onde Darío traballou máis de 30 anos, axudando a fornecer de cultura en todos os seus ámbitos a esta a súa cidade. Foi un orgullo para este Concello contar coa súa experiencia, sabiduría e bonhomía. Lugo botará en falta a un dos seus máis relevantes veciños, un artista, un académico, un magnífico escritor e tradutor e un gran compañeiro para todas aquelas persoas que tiveron a sorte de poder traballar con el».

Seguir leyendo