Que se pode facer este luns 19 en Lugo?

l.g.c. LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación de la Semana de Cine de Lugo, edición 44
Presentación de la Semana de Cine de Lugo, edición 44 SUSO VARELA

A edición número 44 da Semana de CIne exhibirá 131 películas que se poderán ver en seis localizacións diferentes

19 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o día. A 44 edición da Semana de Cine de Lugo arrinca esta tarde coa proxección dos primeiros filmes da lista de 131 que contempla o certame. Cinco días, máis de 130 proxeccións e seis sedes son só algunhas das cifras do evento, cita obrigada no calendario cultural lucense. O Grupo Fonmiñá organizou ademais unha serie de homenaxes que engadirán outra pincelada máis a un certame xa de por si recoñecido.

Mentes maravillosas é o título da primeira das seis películas que se proxectarán dentro da sección oficial. Será hoxe, a partir das 22:00 horas, no auditorio Gustavo Freire. Trátase dunha produción francesa que ten pro protagonista a Louise, un home solteiro que vive dedicado ao seu traballo como director dunha funeraria. Por casualidade, un día coñece a Igor, repartidor de verduras discapacitado por mor dunha parálise. Xuntos emprenden unha viaxe no coche fúnebre para transportar a unha falecida.

 Para os amantes do cinema documental, este luns están previstas dúas proxeccións na Deputación Provincial a partir das 18 horas. Trátase de Once upon a place, produción hispano-estadounidense dirixida por Celia Novás, e Las chicas no pierden el tren, obra da española Paqui Méndez.

  

As curtas tamén son cine

As curtametraxes tamén terán o seu protagonismo nesta Semana de Cine de Lugo baixo o epígrafe As curtas tamén son cine. O Vicerreitorado da Universidade, na Praza Pío XII, será o lugar no que se proxectarán dende hoxe ata venres a partir das 17:30 horas.

Para este luns fixáronse sete. Acoua, arxentina dirixida por Guido Simoneetti, será a encargada de abrir a sección. Logo chegará Cher Papa, con selo francés e dirixida por Care Norway; Como cualquier otro é a curta española que dirixiu Sergi González Fernández. Como tú, tamén española, ten a Marcos Gonzálves como director, mentres que Disonancias, tamén producida en España, foi dirixida por Fran Kapilla. Duelo, produción española, é unha obra de Fernando García Phego, mentres que En el segundo izquierda, tamén rodada en España, ten a Marcos Araújo como director.

 Seguindo coas curtametraxes, a partir das 19:30 horas, tamén no Vicerreitorado, chegará a hora das curtas galegas. A primeira en proxectarse será Cristales. El color de tu mirada, de Xosé Comesaña. Logo chegará a quenda de Lique, de Anita Pico. No nome do amor, dirixida por Xabier Mailan, será a terceira da tarde, mentres que Umia, de Sergio González Cancela, será proxectada a continuación. Dores, de Coral Piñeiro, Aura, de Sonia Albert, e O que queda de nós, de Miguel Gómez Abad, completan a programación da primeira xornada.

 A maior parte das curtas, ao igual que sucede co resto dos filmes que se poderán ver na Semana de Cine lucense son traballos que recibiron os máis destacados premios nos festivais nos que se presentaron.

Dentro da programación da primeira xornada, na sección de homenaxes está calendada a proxección do filme Nación a partir das 20 horas na Deputación Provincial. Trátase dunha obra do 2020 con guión e dirección de Margarita Ledo.

Tres homenaxes e compra de entradas

A Semana de Cine de Lugo ten dende hai uns anos un espazo para render tributo a persoeiros destacados, e desta volta serán dúas mulleres e un home os recoñecidos. Dunha banda, Margarita Ledo será homenaxeada pola súa traxectoria literaria, docente, investigadora e cinematográfica, mentres que polo outro, a actriz María Casares incorporarase ao Paseo do Cine cando se cumpren cen anos do seu nacemento.

Pero haberá unha terceira mención especial, desta volta. Será unha homenaxe-lembranza ao escritor lucense Darío Xohán Cabana, que mantivo unha relación especial coa Semana de Cine durante os anos que foi responsable do auditorio Gustavo Freire. A proxección do filme A mariñeira, de Antón Dobao, rodada sobre un relato do escritor, servirá para renderlle tributo. As placas de Ledo e Casares destaparanse esta tarde ás 18 horas.

 Doutra banda, todos os interesados en acudir a algunha das proxeccións deberán retirar as súas entradas a través da web www.kadelika.com, mentres os socios de Fonmiñá poderán facelo na sede social nos horarios asignados.