Seguridade domiciliaria

Xulio Xiz

LUGO

15 ago 2022 . Actualizado a las 18:29 h.

Téñennos avisado repetidas veces de que durante as ausencias dos domicilios, especialmente nas vacacións do verán, convén extremar as precaucacións para evitar problemas de seguridade. E así, as autoridades competentes recomendan que se pechen todos os posibles accesos, se deixe algunha luz acesa, non quede ningún aviso inconveniente ou se aprecien detalles que evidencien que a vivenda está baleira. A esto hai que engadir a precaución de que non se vexa acumulación de correo, periódicos ou calquera outro sinal en similar sentido.

Non é posible garantir a total inviolabilidade dos domicilios, pero o menos que hai que pedir é que non se dean facilidades ás visitas non desexadas. Faltou avisar ás empresas de distribución a domicilio, que non descansan no verán e reparten todo tipo de material informativo.

Teño fe neste sistema de distribución de publicidade e información, que xeralmente - se lles abren a porta ? deixan o material nos correspondentes buzóns e, en caso negativo, mesmo por debaixo da porta cando o oco o permite. O que non se pode consentir é que penduren os folletos a repartir no exterior da porta. Porque puiden comprobar como, a presión, se meteron exemplares de publicidade de dúas grandes superficies para os pisos dunha casa de Lugo, encaixados na manilla da porta, de maneira que constituían permanente aviso de que ninguén accedera ao edificio a saber en canto tempo.

Cuidado, pois, con estes descuidos, que de pouco valen as grandes precaucións dos residentes nun edificio cando un simple folleto comercial serve de clara información que non debe facilitarse.