Xulio Pardo de Neyra: «A miña última obra, feminina e feminizada, mostra que a paixón non é quen de xéneros»

Suso Varela Pérez
s.v. LUGO / LA VOZ

LUGO

Xulio Pardo de Neyra
Xulio Pardo de Neyra

O profesor e escritor lucense vén de publicar un novo poemario

08 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e profesor lucense Xulio Pardo de Neyra case sae a dous libros por ano. Vén de presentar o poemario «Uterus siue uolua», publicado por Edicións Fervenza e no que o autor, coa colaboración gráfica de Clara Martín, presenta un libro para ler e para ver, para sentir, para descubrir e para vivir cos ollos e co corazón. Un conxunto de 39 poemas e 30 colaxes analóxicos que debuxan unha chea de emocións íntimas e intensas sempre coa ollada feminista, feminina e feminizada dun home e unha muller que xuntan forzas para mostrar que a paixón non ten xénero.

Desde que publicou aos 19 anos o primeiro ensaio, unha biografía sobre Gustavo Freire, o autor de «Festa n’a Tolda» non para, xa sexa ensaio, poesía, narrativa... e así ata chegar ao o medio centenar. «Talvez un ensaio en que recuperaba a entidade de escritor barroco do cura de Fruíme, pautando un feixe de inéditos de moita relevancia para a nosa literatura», sinala Pardo de Neyra como o volume que máis destaca pola súa repercusión.

Sobre a súa última obra, o autor lucense confía en que «os e as lectoras podan achar fervedura, entrega, xogo coa palabra e recomposición de imaxes en chave literaria e lingüística, e tamén, como non!, van achar a maxia e o berro sublime das apostas plásticas de Clara Martín, que son dunha feitura grandiosa».

Da temática, o poeta destaca que «eu redirixín este poemario procurando facer saír as miñas arelas de persoa, xa que logo o devezo tanto masculino como feminino que, para min, todas e todos levamos dentro».

Pardo de Neyra ten claro que «non existe liberdade sen feminismo, xa o vemos diariamente a través da prensa. A mágoa é que vivimos nun estado reaccionario que quere limitar todas as parcelas da nosa existencia, demonizando a liberdade e a apertura e apostando por un discurso único, por unha historia única».

O autor lucense, profesor na Universidade da Coruña, sinala que do que máis gusta é da poesía e do ensaio. «Son plenamente feliz escribindo, investigando, e mesmo aportando aos e ás demais as conclusións que tiro de calquera asunto. Estou certo de que quen escribe e publica tamén desexa facerse ouvir e, por suposto, iniciar un diálogo coa sociedade.

Sobre o seu seguinte proxecto máis inmediato, explica que: «estou tentando colocar un traballo de poesía visual. O contacto con xente tan interesante como Clara Martín provocou o pequeno artista que levo dentro. Agardo que alguén se anime, porque teño moitos amigos, amigas, seguidoras, compañeiras, agardando pola súa saída...».