Vostede... ou ti

María L. Sández

LUGO

03 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A noticia de que quedou en suspenso a multa de 601 euros que ía recaer sobre un lucense por unha suposta falta de respecto consistente en tratar a un policía de ti no canto de empregar a fórmula de vostede permítenos reflexionar sobre a deíxe social, que resulta interesante e ateigada de connotacións ideolóxicas. Eu aínda son dada a empregar o vostede, sobre todo con descoñecidos de idade igual ou superior á miña, mais teño vivido algunha situación curiosa de rexeitamento co argumento de «fasme sentir moi vello/a».

Os protocolos mudan e os últimos tempos coñeceron unha relaxación que abrangue as fórmulas de tratamento, os códigos de vestimenta e outro tipo de cuestións que apuntan case sempre á xerarquía social. O Don indicaba en orixe que esa persoa tiña o bacharelato, algo que na altura supuña unha forma de distinción. E de aí aos ríxidos protocolos que rexen o tratamento de diversos cargos e dignidades. Eu sempre compadecín ás persoas encargadas de saber en que orde había que colocar á concorrencia e como había que dirixirse a cadaquén.

A rixidez protocolaria é propia de sociedades clasistas e estamentais. Que hoxe en día se dilúan as marcas externas de rango a min paréceme o signo saudable dunha sociedade máis xusta e democrática. Aínda que sempre recomendei ao alumnado que, ante a dúbida, empregasen o vostede, no fondo a min nunca me molestou que o alumnado me tratase de ti. Mentres os ingleses anularon hai xa tempo a dobre forma en favor da de distanciamento e respecto, entre nós o vostede está en retroceso e eu case teño nostalxia lingüística, mais ningunha das sociedades esencialmente xerárquicas. O respecto debe ser fórmula universal.