As rutas máis descoñecidas dos Ancares

Paula álvarez / m.g LUGO / LA VOZ

LUGO

A ruta da Campa de Barreiro
A ruta da Campa de Barreiro Cedida

Ademais das xa coñecidas, a serra ancaresa agocha outros espazos dignos de visitar

25 jul 2022 . Actualizado a las 14:21 h.

Por sorte ou por desgraza, un lugar con tanta historia natural coma Os Ancares nunca acaba por descubrirse de todo. Hai puntos desta serra que non pasan desapercibidos para ninguén, coma Piornedo, o Mustallar ou o Pico Tres Bispos, pero hai outros máis agochados que todos os amantes do sendeirismo e a natureza deberían visitar.

Hai camiños e bosques que non teñen apenas sinalización, pero que se conservaron grazas á labor de limpeza dos animais que viven en liberdade. Rutas coma o Abesedo de Donís, sen ningunha indicación, é clasificada por moitos dos seus coñecedores coma «a mellor ruta de Ancares e das mellores da Cordilleira Cantábrica».

O seu percorrido, de escasos oito quilómetros, transcorre a media ladeira case na súa totalidade polo bosque máis extenso de Galicia. Con todo, hai varios xeitos de facela; os que xa a pisaron recomendan, sen ningunha dúbida, a subida pola ponte coñecida coma Ponte dos Carros ou polo Val do Río Ortigal, outra das localizacións máis rechamantes de Os Ancares.

Trátase dunha subida sinxela, que vai bordeando prados de sega e chega a varias campas circulares con vistas incribles. Nunha delas hai unha cabaña en ruínas e, xirando á dereita, entras no que se pode considerar un dos bosques de acivros máis antigo e grande de Europa. E, detrás da Ponte dos Carros localízanse, ademais, unha fonte de pedra, cuxo nome non está claro, e unha cascada rodeada de vexetación con opción de baño.

Son incontables os recunchos e espazos que ofrecen os montes dos Ancares. Seguramente quede algún sen coñecer, pero pouco a pouco vanse pisando. Por detrás do Albergue Ancares sae un camiño cara o Pico Fieiró que pasa pola Fonte dos Namorados, que nace en varios sitios por baixo das pedras. As vistas son incribles e permiten observar toda a serra dos Ancares; puntos coma o Pico Cuíña, o Mustallar ou Corno Maldito divísanse ao pasar por esta ruta.

Non podemos esquecernos das xoias patrimoniais que agochan estes territorios. Na Campa do Barreiro, outra das rutas facilmente accesibles que parten da Campa da Braña (Cervantes) localizaron hai uns anos os primeiros petróglifos de Os Ancares, a unha altitude duns 1.100 metros.

Ademais, lugares para gozar das vistas coma A Golada da Vara, o refuxio de Campa de Brego ou o Teixo de Piornedo son parada obrigatoria na visita á serra.

Se algo caracteriza a Os Ancares é a súa natureza en estado virxe, lonxe da pegada humana e dos procesos de industrialización. Todas as paisaxes están rodeadas por unha frondosa vexetación onde o principal son é o dos paxaros.

Son lugares que transmiten paz e a súa visita pode ser o plan perfecto para calquera fin de semana de calquera estación do ano. A experiencia é distinta, pois depende tamén das condicións meteorolóxicas, pero a sensación é a mesma.

E tamén, ademais de paisaxes, as rutas obrigan a unha parada por diversos monumentos históricos. Por exemplo, despois de catro quilómetros camiñando entre numerosos exemplares vexetais e animais, a ruta da Torre de Doncos remata nunha das fortificacións máis suxerintes de Galicia.