Rubén Arroxo, tenente de alcalde de Lugo: «As ameazas contra min son por ideoloxía, un delito de odio de libro»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

El líder de los nacionalistas de Lugo, Rubén Arroxo
El líder de los nacionalistas de Lugo, Rubén Arroxo rebeca

O nacionalista denunciou os ataques que recibiu a través dunha rede social

15 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Voy a por ellos e incluso soy capaz de cortarle el cuello a ese hijo de puta del Bloque, que lo piense, que no sabe lo que le espera» e un «había que linchar a Rubén Arroxo» son as mensaxes que un cidadán dedicou ao tenente de alcalde de Lugo nunha rede social. Unhas ameazas que colmaron a paciencia dun Rubén Arroxo (BNG) que este xoves deu o paso de denunciar.

—Cando e como lle chegaron estas ameazas?

—Xa levo tempo recibindo ameazas, igual non tan fortes coma esta, pero hai tempo que pasa. Fomos deixándoas pasar pensando que era mellor ignoralas, pero estas escribíronas no taboleiro de Facebook dun cargo público doutro partido político, onde se mantiveron durante máis de doce horas, e a min pasoumas un usuario que quedou escandalizado co que acababa de ver. Cando as vin quedei asombrado porque son moi fortes, falan de cortarme a cabeza. Foi entón cando decidimos que isto non se podía consentir máis porque sempre vai a peor. Esa é a razón pola que denunciamos.

—Xa recibira máis mensaxes deste tipo?

—Sobre todo téñoas recibido por Twitter, aínda que esta é a primeira vez que me chegan dunha persoa real. Ata o de agora chegábanme de perfís falsos, nos que non sabes quen está detrás. Por Twitter teño recibido mensaxes bastante escandalosas. Estiven ignorándoas pero quizais non debería telo feito.

—Desta volta, quen as proferiu tiña nome e apelidos.

—Exacto, non se oculta tras ningún perfil anónimo, ten nome e apelidos e é unha persoa real. Eu non a coñezo de nada nin me soa.

—Vostede achácaas a unha cuestión ideolóxica.

—Si, polo que puiden ver, son ataques ideolóxicos. É un delito de odio de libro. Non me ataca a min porque eu lle fixera algo, porque non o coñezo de nada; atácame por pura ideoloxía. Considera que eu, segundo a ideoloxía fascista que el probablemente ten, non debo existir e, polo tanto, por iso me ataca.

—Puxo o tema en coñecemento da Policía Nacional.

—Fixen as consultas xurídicas oportunas e recomendáronme que presentase unha denuncia na Policía Nacional para que poidan facer as investigacións pertinentes e despois se traslade directamente aos xulgados, que terán que decidir se o arquivan ou abren proceso xudicial.

—Considera as ameazas reais?

—Quero pensar que non son ameazas reais porque é unha persoa que non coñezo de nada. Pero estas cousas, e por iso o denunciei, hai que empezar a cortalas dende o principio porque estamos vendo que hai quen dispara dialecticamente e logo quen dispara realmente. Puidemos velo en Estados Unidos, onde Trump disparou dialecticamente e logo houbo quen o levou á práctica.

—En xaneiro deste ano xa denunciara publicamente pintadas que pretendían intimidalo, do estilo «cono bueno el cono muerto».

—Lugo é unha cidade totalmente tranquila. Eu ando todo o día por aí falando coa xente e pode haber quen che discuta e quen che fale de algo concreto, pero son persoas respectuosas. Vivimos nunha cidade na que a xente é moi respectuosa, pero o triste é que haxa uns quince, porque non creo que haxa máis, tarados. Permítome esta palabra, tarados, que se dedican a dicir estas barbaridades. Hai que paralos en seco porque do contrario, dentro dun tempo pode haber moitos máis e pode ser perigoso.

—Trátase de poñer coto?

—Nós ata o de agora estabamos a ignorar estas cousas, pero vendo que ignorándoas non se paran, chegou o momento de plantarlles cara.