O Campus Terra recibirá 4 millóns de euros para avanzar na especialización

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

O reitor da USC recibiu onte de mans de Alfonso Rueda a credencial que recoñece ao campus lucense como referente de especialización

05 jul 2022 . Actualizado a las 17:37 h.

O Campus Terra xa é un campus de especialización. Este martes, o reitor da USC, Antonio López, recibiu de mans do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a credencial que acredita tal logro, convertendo así o campus no segundo especializado de Galicia, logo do de Ferrol. Esta homologación por parte do goberno autonómico non vén só acompañada de parabéns, senón que o Consello da Xunta aprobará esta semana un convenio de catro millóns de euros coa Universidade de Santiago para poñer en marcha ao longo de catro anos o Plan Operativo Campus Terra 2021-2025. Trátase dunha ferramenta para avanzar en que o campus lucense sexa un referente científico e social nos ámbitos relacionados coa sostibilidade económica, social e medioambiental dos recursos da terra.

A Casa do Saber, o fogar da USC en Lugo, foi o lugar elixido para celebrar a consecución da especialización do campus. Nun evento que congregou a numerosos representantes públicos e membros da comunidade educativa, uns e outros puxeron en valor as bondades do traballo feito ao longo dos anos no campus lucense e, especificamente, nas áreas transversais que se acollen ao amparo do Campus Terra.

Unha comisión avaliadora formada por oito expertos independentes foi a encargada de estudar se o campus lucense cumpría os requisitos da especialización, e logo dunha profunda análise, a conclusión á que chegaron foi que «este campus tiene un potencial muy importante, por eso le dimos la calificación máxima, A, por cuatro años, recomendando además que se le asignara el presupuesto íntegro», sinalou durante o acto Victoria Leis, voceira do comité.

Un traballo prolongado

Durante a súa intervención, o reitor da USC subliñou que a credencial «é un recoñecemento a unha realidade que se foi asentando ao longo dos anos», lembrando fitos como a recuperación da facultade de Veterinaria, santo e sinal de Lugo, no ano 1983, ou os estudos de enxeñería. Pero o Campus Terra, engadiu, é un proxecto máis transversal que abrangue a toda a formación relacionada co sector primario, a sostibilidade, a dietética ou a nutrición. López destacou tamén o ámbito investigador, de calidade e competitivo, ou a conexión directa co sector empresarial do campus lucense e apuntou que a o recoñecemento é «un impulso cara o futuro». Un futuro no que marca retos como incrementar o alumnado ou aumentar o número de publicacións científicas.

O reitor fixo fincapé na permanente colaboración que tanto Deputación como Concello prestan á USC, e tanto o representante da universidade como José Tomé e Lara Méndez coincidiron na relevancia de que o coñecemento xerado reverta na sociedade e na importancia do campus para Lugo e a provincia. Unha idea que debullou tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O máximo responsable autonómico lembrou que os 4 millóns que destinará o goberno galego ao Campus Terra facilitarán planificar a nova folla de ruta poñendo o acento na docencia, a investigación, a interacción co tecido produtivo, a gobernanza e a transparencia.