Erguer a ollada

María L. Sández

LUGO

28 jun 2022 . Actualizado a las 17:49 h.

O pasado sábado 25 de xuño a Casa de Rosalía, en Padrón, acolleu a gravación do programa Efervesciencia, da Radio Galega, coa realización dunha actividade de observación de estrelas en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Os asistentes ao acto puidemos localizar o lugar no ceo da Estrela Rosalía, perdida na enorme constelación do Serpentario, e eu non puiden evitar imaxinar a célebre escritora na solaina nunha noite de verán baixo unha estrela que un día levaría o seu nome.

Na actividade repartíronse planisferios cos nomes das 88 constelacións en galego, froito da colaboración entre a Agrupación Astronómica Ío e a Real Academia galega. As constelacións mergúllannos na mitoloxía greco-latina, delimitan zonas do ceo, recollen a nosa historia e as nosas inquedanzas coma especie a través das formas que a humanidade imaxinou e dos nomes que lles deu en longas noites sen luces artificiais.

No programa, unha astrofísica falou, por videoconferencia, do potencial da observación de estrelas para a saúde mental: como nos eleva alén de nós mesmos, como nos axuda a pór en perspectiva as nosas miudezas, como ten unha dimensión de actividade compartida especialmente propicia nas noites de verán. Foi un momento máxico na Casa de Rosalía que ben debía repetirse noutros espazos: ollar as estrelas con ollos e nomes galegos, nos centros educativos, nas asociacións socio-culturais e de maiores. Acompañáronnos na ocasión as Asociacións Amipa e Andaina, de discapacidade intelectual e saúde mental. Foi un exemplo marabilloso de confluencia de cultura e ciencia, de encontro e participación. Sei dunha nena á que hai cousa dun mes puxeron de nome Vega. É máis fermoso ao saber que esta estrela, na constelación da lira, é unha das máis brillantes do ceo de verán. Tamén ela medrará para ollar ás estrelas.