—É un dos temas que máis críticas espertou entre a cidadanía. Non se pensou ben ou fallou explicarllo á cidanía?
—É o comportamento natural da sociedade ante os grandes cambios. Lembro, cando viñen a Lugo a finais dos 80, atoparme coches na Praza de Santa María. Hoxe sería impensable. Cando se iniciaba o proceso de peonalización houbo un rexeitamento social brutal, moitísimo máis do que pode haber agora. Hai que recuperar espazos públicos para usos públicos en detrimento da ocupación do vehículo privado. Temos que ir mentalizándonos en que as cidades se teñen que pensar para as persoas e non para os coches. Estamos ante un cambio de era e de mentalidade que eu teño moi interiorizado, e é unha obriga. Temos que deixar un legado mellor do que nos atopamos. Falamos de saúde, non só de cidades amables e de oportunidades económicas.
«Volverei ser candidata, quero avanzar na transformación de Lugo»
Queda un ano para as eleccións municipais e os partidos comezan a tomar posicións en Lugo. Constatouse, por exemplo, no último pleno, no que os discurso duns e doutros apuntaban xa ao 2023.
—Tres anos de coalición. Cal é a saúde do bipartito de Lugo, ao entender de Lara Méndez?
—Dixémolo dende o minuto un, somos dous partidos distintos, con posicións distintas en moitos aspectos políticos e temos un obxectivo claro. Asinamos un acordo programático baseado nos piares marcados no anterior mandato. Dentro das distintas concellerías, cada concelleiro ten a independencia lóxica do día a día e o marco de coordinación é competencia propia da alcaldía. E nesa coordinación tamén está o deseño do modelo de cidade, que se sabe cal é e que vén do mandato anterior.
—Pero, foi sinxelo coordinar distintas visións políticas?
—Iso segue manténdose e vese nos plenos. Cando hai unha cuestión que non está dentro do pacto de goberno, cada partido ten voz propia e defendemos, en moitos casos, posturas antagónicas. É tamén lexítimo. Somos dúas forzas políticas que chegamos a un acordo de goberno para sacar adiante a acción do día a día cunha folla de ruta.
—Volverá ser candidata á alcaldía?
—Si, quero seguir avanzando no modelo de cidade, na segunda gran transformación de Lugo nos dous eidos. Por un lado, no que implica a nivel urbanístico e ambiental, buscar unha cidade integradora, amable e que ofreza zonas de lecer e cultural, segura que invite a vivir e a reter o talento. E por outro lado, temos que traballar de cara a transformar a cidade economicamente para ter capacidade para facer de Lugo un lugar atractivo para a inversión, que empresas de fóra queiran asentarse na nosa cidade. Antes de que remate o mandato imos visualizar xa parte dese investimento que estamos a captar e, polo tanto, xa estaremos cumprindo obxectivos. Co Lugo Transforma, antes de final de mandato xa estarán asentadas algunhas das 50 novas empresas que se prevén e que xerarán máis de mil postos de traballo directos e triplicarán os indirectos. Iso é unha oportunidade tremenda para os nosos veciños, para reter talento e captalo e para facer de Lugo unha cidade atractiva para o investimento.
—Que escenario político agarda nas vindeiras eleccións?
—A un ano das eleccións é moi difícil facer predicións porque, primeiramente, non sabemos cantas candidaturas imos concorrer. Hai tres anos eramos doce, tres eran de dereitas o resto, supostamente, de esquerdas. En todo caso, eu téñoo claro, nós, cando chegue o momento, teremos o aval de oito anos de traballo transformando Lugo, facendo unha cidade que invita a querer quedarse e vir. Se queremos reverter a pirámide demográfica, non só temos que reter talento, que é básico, senón atraer xente e talento. Todo iso vaise poder visualizar aínda que non todos os proxectos estarán rematados. Imos presentarnos con esa solvencia e coa credibilidade de que todo o que fixemos dende o ano 2015, cando entrei, para transformar a cidade se materializa. As transformacións requiren tempo, non se dan feito nun mandato e non se rematan nunca..
—Alfonso Rueda tomou o relevo de Feijoo na Xunta. Que agarda do novo presidente?
—Primeiro, que me reciba en breve tempo para trasladarlle o que xa lle dixen ao señor Feijoo no seu día nas tres reunións que mantivemos cando foi presidente da Xunta: que remate o que ten pendente. É inconcibible que o Plan Paradai, que comezou hai 21 anos, estea sen concluír. Igual que ter unha Rolda Leste partida pola metade porque a Xunta a meteu nun caixón. Agardo que finalice os proxectos iniciados para seguir traballando con outros de futuro. Nós temos boas relacións co resto de administracións, por que a Xunta sempre lle di non a Lugo?