As degustacións e venda do doce protagonista da festa volverán entre as 17.00 e as 19.00 horas, mentres que ás 18.00 ofrecerá un concerto a Banda de Música Municipal de Guitiriz. A maiores, durante toda a xornada, celebrarase un torneo de fútbol de categorías inferiores no campo municipal Suso Cruz. A festa rematará co concerto de Ses, previsto para as 22.30 horas.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que Guitiriz «é coñecido fóra das nosas fronteiras pola nosas augas, pero tamén pola torta de millo, polo que quixemos poñer en valor este produto a través da música e da artesanía, así como tamén ao sector primario, predominante no noso concello, cos obradoiros de queixo». Pola súa banda, o deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, coincidiu en salientar a fama da torta de millo, lembrando que, «de pequeno, a min xa ma regalaban, é algo que nos acompaña desde hai moitos anos», e destacou que esta é unha festa «que serve para atraer turismo, para que se reúnan as familias e os amigos, que dinamiza o rural e aposta pola economía da comarca da Terra Chá».