Raúl Mirás, violonchelista: «Somos o exemplo de que aquí hai músicos de primeiro nivel»

Lucía Blanco LUGO/ LA VOZ

LUGO

O trío de corda coruñés Castelao pretende dinamizar a cultura galega.
O trío de corda coruñés Castelao pretende dinamizar a cultura galega. CEDIDA

O artista é un dos tres integrantes do trío Castelao, que actúa este mércores no Círculo das Artes de Lugo

25 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Inés Picado, Pedro Rodríguez e Raúl Mirás contan cunha ampla traxectoria no mundo da música clásica. Despois de anos de formación en centros de elite a nivel internacional, voltaron a Galicia para compartir a súa experiencia coa súa xente a través do trío Castelao.

—Dende a súa agrupación queredes contribuír á dinamización cultural da comunidade. Como xurdiu a idea?

—Nós xa nos coñeciamos dende pequenos e xa tocaramos xuntos pero despois de tantos anos fóra, decidimos empezar a traballar como trío porque non vimos mellor oportunidade que poder xuntarnos aquí na nosa terra e intentar trasladar ao público todo o que aprendimos.

—Como de necesarias pensan que son iniciativas como a súa para a música en Galicia?

—Aínda que agora empeza a haber máis ciclos de cámara, grupos de aquí hai moi poucos, normalmente son grupos estranxeiros ou nacionais. Entón creo que podemos ser un exemplo que mostre que hai xente aquí que fai un traballo de primeiro nivel.

—Forman parte dunha xeración de músicos que comezou a súa traxectoria en Galicia pero completastedes os vosos estudos no estranxeiro. Pensan que esa formación fóra da comunidade é imprescindible?

—Non é imprescindible, pero coñecer todo que se fai fóra enriquece moito e dáche unha visión do que se está a facer. Ademais, na música ten un plus porque nós somos un país cunha tradición moi recente en canto a música clásica.

—No seu caso, compaxina a actividade no trío co labor como cello principal da Orquestra Sinfónica de Galicia. Como cambia a experiencia como músico?

—O traballo sempre é complementario, o repertorio sinfónico aporta moito, pero a música de cámara, que é a música levada ao seu máximo detalle, é moi necesaria e enriquece ao músico de orquestra.

—Cal é a esencia da vosa formación?

—Somos unha agrupación que normalmente non se escoita, o trío de corda, e creo que os que nos escoiten poden descubrir a riqueza sonora que existe para esta formación.

—Comezaron en plena pandemia. Que balance fan deste tempo?

Aínda que coas restriccións foi difícil moverse para todos, por sorte volve haber moita actividade e esperamos ir facendo cada vez máis concertos.