Covid-22

Xulio Xiz

LUGO

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días eu debería estar disfrutando da viaxe por Sicilia que por fin puido organizar a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, despois de dous anos de agardar. No canto diso, permanezo atrincheirado en Lugo, levando un extraño pasaxeiro, temido intruso que á forza de insistir, reducido seica a gripe extraña, vai chegar a afectarnos a todos.

Que o virus se manifestara o día antes de partir provoume un importante conflito: agora que nin che dan a baixa do traballo por este motivo, é lícito viaxar co risco de contaxiar a persoas que poden ter menores defensas ca min, e ocasionarlles un mal maior ca o que eu teño? Porque o que ao mellor para min é un mal levadeiro, a outros pode provocarlles algo máis grave. E quedeime.

Como agora viaxar portando a Covid seica non é un problema, non funciona o seguro e non recuperarei o custo da viaxe, pero coido que a tranquilidade de pasar en soedade este pequeño calvario eme moito máis valiosa que viaxar coa inquedanza de ser unha bomba de reloxería.