Lugo recupera a Feira do Libro, do 17 ao 22 de maio

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Imaxe da feira celebrada no 2017
Imaxe da feira celebrada no 2017 OSCAR CELA

O Concello presenta as actividades con motivo do Día das Letras Galegas

12 may 2022 . Actualizado a las 13:26 h.

Logo de varios anos sen celebrarse, entre a pandemia e discrepancias dos libreiros lucenses coa federación galega, Lugo vai a recuperar a vindeira semana a Feira do Libro, que tradicionalmente sempre se celebrou coincidindo co Día das Letras Galegas. A feira deste ano será do 17 ao 22 de maio.

Na cita haberá once postos: o servizo de publicacións da Deputación de Lugo, Edicións Embora e as librarías Pedreira, Trama, Cortizas, Biblos, Aguirre, El Faro de los Tres Mundos, Lectocosmos, Tótem e La Voz de la Verdad.

Os clientes terán descontos dun 10 % nos libros que merquen, e están previstas presentacións de libros cos autorres e agasallos. Os horarios da feira, na Praza Maior, será de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas os días 18, 19 e 20 de maio; mentres que os día 17, festivo, e o sábado 21 e domingo 22 será de 11.30 a 14.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas.

Actividades polas Letras Galegas

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que o goberno Municipal organiza de cara ao Día das Letras Galegas. Ferreiro explicou que «organizamos unha serie de actividades culturais que mostrarán a presenza do galego nas distintas artes e na rúa todos os días do ano».

O propio 17 de maio, a área de Cultura agasallará un libro en galego a todas as persoas que se acheguen á Praza Maior. A actividade terá lugar entre as 12 e as 13:30 horas, e as persoas que o desexen levarán un libro procedente do fondo bibliográfico municipal. «Quixemos repetir esta actividade que é un éxito cada vez que a organizamos, e que nos permite achegar as obras do fondo bibliográfico municipal a todas as veciñas e veciños», afirmou Maite Ferreiro. O Cemiterio Municipal acollerá un concerto da agrupación Claustromusical e unha lectura poética de textos o 17 de maio a partir das 13:00.

No Vello Cárcere para os nenos

As actividades do día das letras comezan este sábado 14, cos contactontos no Vello Cárcere ás 11.30 e ás 18.00 horas. Ademáis, o Vello Cárcere organizará obradoiros infantís entre o 16 e o 22 de marzo, ademais das actividades Pequeviñetistas; A historia de Florencio Delgado Gurriarán, orientada para nenas e nenos de 6 a 12 anos, o luns 16 ás 18 horas. Co gallo do día das Letras Galegas, para nenas e nenos de 3 a 8 anos, o martes 17 ás 17.30 horas, e Co gallo do día dos museos, o mércores 18 ás 17.30 horas, para nenas e nenos de 3 a 6 anos e de 7 a 12 anos.

Música lucense

A asociación Cántigas e Frores celebrará o día das letras con actuacións na rúa polo recinto histórico, os días 15 e 19 ás 12.00 horas. As corais de Lugo organizarán unha homenaxe a Florencio Delgado Gurrriarán o propio 17 de maio,  a partir das 18 horas,  no quiosco da Praza Maior. Contará coa presenza da Coral Xolda Polifónica, Solo Voces, Schola Gregoriana Lucensis, Cantar Delas, Orfeón Xoán Montes Conjunto Vocal Lugh, Coral Amigos do Camiño, Coral do Hospital de Lugo, Coral Ecos do Miño Astelu e Orfeón Lucense.

Por último, as orquestas CMUS Xoán Montes darán un concerto no Vello Cárcere o 18 de maio a partir das 19.00 horas.