Día de Europa

María L. Sández

LUGO

10 may 2022 . Actualizado a las 17:59 h.

A partir de 1950, cada 9 de maio festexamos o día de Europa. Esta data veunos servindo para lembrarmos con tristura, desde aquela, o atroz conflito da II Guerra Mundial e tamén para celebrarmos a paz e o diálogo. Con certa complacencia, tiñamos a sensación de que a lección do Holocausto fora decisiva e pensabamos que Europa estaba libre de revivir un novo conflito xeneralizado. Agora, 72 anos máis tarde, este 9 de maio foi agre, escuro, certamente amargo, e descoñecemos como será o de 2023, ante a posibilidade real dunha nova guerra no corazón de Europa.

O mundo das etimoloxías é moi complexo e a miúdo está máis baseado nos inventos míticos ca nas realidades lingüísticas e históricas, especialmente cando a raíz que procuramos é a do nome de pobos, países ou continentes. Mais, segundo varias das teorías, Europa e Asia van da man como as irmás territoriais que sen dúbida son, conformando unha continuidade que mesmo fai que os nenos e as nenas, cando se lles explica o que é un continente, se pregunten por que as consideramos por separado, sen que, en xeral, a explicación sexa satisfactoria. Posiblemente, a escisión teña detrás o mesmo eurocentrismo dos propios mapas. Xa sexa como dúas ninfas, fillas de Océano e Tetis e, daquela, irmás; ou como dúas designacións vencelladas ao leste e ao oeste, Europa e Asia van da man. Nun mundo xa de seu conectado globalmente, a ambos territorios nin sequera os afastan as augas. E, pola contra, erguemos fronteiras físicas e mentais que unha e outra vez, de xeito recorrente, nos levan ao conflito e a destrución.

Tense dito que nunca en Europa houbo 50 anos de paz. Hai algo agoreiro e premonitorio neste aserto. Por iso, fronte a todas as retóricas, cómpre a serenidade de pararse e unir forzas para apagarmos o lume antes de que este remate por arrasar Europa. Unha vez máis.