Elena Candia, presidenta provincial do PP: «Neste partido fai falta todo o mundo»

Miguel Cabana
Miguel Cabana LUGO / LA VOZ

LUGO

Elena Candia en Lugo, en una foto de archivo
Elena Candia en Lugo, en una foto de archivo ALBERTO LÓPEZ

Candia ve aos militantes ilusionados con Feijoo e pide unión para gañar

24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Elena Candia, presidenta provincial do PP e deputada autonómica, vén de ser nomeada por Feijoo membro do comité nacional do partido e ademais presidenta do comité organizador do congreso no que vai ser elixido Alfonso Rueda.

—Despois de cambios tan importantes e repentinos no PP galego e nacional, en que posición queda o partido na provincia de Lugo?

—Calquera dos dous cambios, tanto o galego como o nacional, afectan en positivo. Creo que a presenza do presidente Feijoo liderando o partido a nivel nacional reforza a marca, motiva e ilusiona. Xa se viu no número de afiliacións e tamén nas opinións da xente. A súa presenza e impronta foi máis rápida do que moitos esperaban, e para nós é moi positivo. Despois de celebrar os congresos provinciais, estamos todos centrados nos municipais, e imos vendo que esta sensación chega a todos os concellos. Polo tanto, espero que sirva para recuperar máis alcaldías. A nivel nacional o que pasou é que convertemos un problema nunha oportunidade. E para Lugo van ser moi positivos todos estes cambios.

—Que panorama se perfila agora para Elena Candia?

—Eu quero que estes cambios non fagan máis que reforzar os mecanismos para as municipais. Non debemos despistarnos do noso obxectivo, que son as municipais do 23. En moitos concellos onde gobernan os socialistas non vemos que estean rentabilizando eses gobernos nin aos seus líderes e, por tanto, se utilizamos os nosos signos de identidade, con programas claros para os problemas da nosa sociedade como os prezos astronómicos da luz ou dos combustibles, e todos os gastos que afectan ás familias e poñen en perigo a continuidade dos negocios, eu creo que temos oportunidades de mellorar resultados. E iso é o que importa agora, máis que o panorama persoal que lle poida tocar a cada uno de nós.

—O PP na provincia de Lugo está celebrando congresos en numerosos concellos. Pero non se celebrou na cidade de Lugo. Hai quen opina que xa é tarde para convocar un congreso. Haberao?

—Como sabedes, non é unha competencia directa nosa senón do partido a nivel galego. E a elección dos candidatos para as cidades, como é o caso de Lugo, é responsabilidade nacional. Por tanto, todo chegará ao seu tempo. Eu vexo que no 2019, sendo un momento moi malo, gañáronse eleccións en moitos sitios; na provincia de Lugo tivemos os mellores resultados de Galicia e tamén na Deputación. Iso non sirve de escudo, pero tampouco se deben infravalorar os datos recentes. En Lugo necesítase un equipo grande, que xa está traballando ben, sendo proactivo, e reuníndose cos veciños. E polo que estamos vendo, hai bastante malestar nos veciños, con problemas como a recollida de lixo ou o carril bici, que máis aló de mellorar, veno como unha posibilidade negativa que saca aparcamentos e incluso repercutiu negativamente nos negocios pola forma en que se está deseñando. Nestas cousas é no que estamos traballando, aínda que os congresos nacional e autonómico afectan e interfiren nos prazos. Creo que se está facendo un bo traballo, e chegado o momento, se alguén cre que unha persoa pode cambiar ou mellorar resultados, xa se verá, pero realmente o que fai falta é un equipo.

—Os últimos acontecementos abriron unha nova posibilidade para optar á alcaldía de Lugo, aínda que en realidade xa non é tan nova porque sempre estivo enriba da mesa. Que lectura fai vostede deste apoio social que está recibindo Quique Rozas nas redes sociais? Veo como alcalde do PP?

—Neste partido fai falta todo o mundo. Todos debemos xestionar os apoios con xenerosidade e calquera proposta gañadora ten que construírse desde a unidade. Pero neste momento estamos centrados no congreso rexional.

—Galicia vai ter un novo presidente da Xunta e do partido, que pertenceu ao núcleo duro de Feijoo. Como ve a Alfonso Rueda ao fronte destas novas responsabilidades?

—O meu apoio xa se fixo público, porque é unha persoa preparada, con experiencia, e participou en todos os proxectos de Feijoo. Por tanto, é un construtor do seu proxecto, e permitirá continuar con este plan de Feijoo que conseguiu a confianza dos galegos en catro ocasións e creo que agora volverá a conseguilo por quinta vez. Se se poden facer aportacións, perfecto, pero non debemos cambiar o que funcionou tan ben.

«Deberían abandonar ese enfoque de insulto e ataque a Feijoo, porque non é o que queren os cidadáns»

—Os seus contrincantes políticos están contentos de ver a Feijoo fóra de Galicia. Que lle diría vostede aos que aspiran a gobernar Galicia fóra das filas do PP?

—Máis que contentos están nerviosos, porque con Feijoo solo sufriron os proxectos gañadores del, e non saíron da oposición. Con Feijoo sabemos o que vai pasar. Dígoo con humildade, pero xa se está vendo un incremento nas enquisas e na ilusión. Eu diríalles que abandonen ese enfoque, porque o tempo xa lles demostrou que están equivocados. E especialmente neste tempo de crise e problemas, onde o que menos lle fai falta á cidadanía e a crispación e o insulto.

—Que lle pediu a Alfonso Rueda para a provincia desde o partido e desde o goberno?

—Que continúe cumprindo co proxecto que construímos no 20, nas liñas estratéxicas e nos sectores importantes da nosa provincia. Entendemos que Feijoo cumpriu co que se comprometeu a ir facendo: as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas, as nosas infraestruturas. En definitiva, agora, que sigan adiante os proxectos en marcha e se cuantifiquen os compromisos.

—A chegada de Feijoo a Madrid está cambiando as perspectivas de todos os partidos nacionais. Faga o seu prognóstico para Feijoo a medio prazo.

—Creo que vai ser o presidente do goberno de España. Para quen vén do mundo municipal, ao marxe de enquisas, o que se percibe na xente é que o ven como sensato, bo xestor, contra o goberno máis caro de España a pesar de estarmos en plena crise. É o mellor que nos pode pasar. Creo que por iso vai ser o presidente.