Lugo, máis aló da arqueoloxía: a arte urbana gaña adeptos

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

A arte urbana, como xeito de embelecer a rúa
A arte urbana, como xeito de embelecer a rúa ALBERTO LÓPEZ

Durante a Semana Santa haberá visitas guiadas gratuítas para coñecer o muralismo lucense

04 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Quedan menos de quince días para Semana Santa e unha das propostas que ofrece a cidade de Lugo para esas xornadas de descanso é que lucenses e visitantes coñezan máis profundamente a capital da provincia. Para elo, a área de Cultura impulsará visitas guiadas gratuítas que non se quedarán só na riqueza arqueolóxica e o centro histórico (estes paseos serán guiados por Ana Quintas e Sinte Lugo), senón que abranguerán tamén na arte urbana, un movemento cada vez máis presente na cidade e na sociedade lucense. Será o guía Guido Álvarez o encargado de acompañar estas visitas, que cada vez gañan máis adeptos.

«O movemento da arte urbana en Lugo estase consolidando en todas as esferas, e o exemplo está nos dous grandes festivais que temos, Culturbán e Urban Cores. Esta será a segunda edición destes paseos, bautizados como Pasearte, e neles adentrarémonos en boa parte das obras de grafite, muralismo e street art que hai na cidade», explica o experto en turismo.

O grafiteiro Trece Trazos
O grafiteiro Trece Trazos ALBERTO LÓPEZ

As visitas de arte urbana serán os días 10, 12, 14, 15 e 17 de abril de 7 a 9 da tarde, mentres que os paseos guiados polo centro histórico serán ás 12 e ás 4 da tarde, entre o 12 e o 17 de abril. Para participar nalgunha destas visitas, con aforos limitados a 25 persoas, será necesario inscribirse previamente na oficina municipal de turismo ou a través do teléfono 982 251 658.

O contido das visitas

Guido Álvarez xa puido comprobar o verán pasado, a través de 21 paseos, a atracción que xera a arte urbana en lucenses e visitantes. «En Lugo, a diferenza doutros lugares, temos a gran sorte de que moitos dos artistas son de aquí. Concepto Circo, Diego As, Trece Trazos, Noemí, Primo de Banski ou Leandro Barea naceron en viven en Lugo, ou pintan na cidade de vez en cando. Iso fai que as súas creacións transmitan relación coa cidade e, máis aló do que lles encargan, tamén pintan eles o que lles apetece nalgún lugar. Son obras moi libres e todo faino moi especial», describe o guía.

Guido Álvarez
Guido Álvarez

O parque de Rosalía será o punto de partida das visitas, que serán todas diferentes para que os que o queiran poidan repetir. «Non é necesario repetir os paseos porque temos moita arte urbana espallada por todos os barrios». Ademais, os que participen nas visitas poden atoparse cunha sorpresa engadida. Neste mes varios dos artistas estarán pintando na cidade e é moi probable que durante os paseos se poida gozar do proceso de creación en directo. «Tento facer que coincida, e será un aliciente para velos e falar con eles», di Guido. Un extra para unha visita máis que atractiva.