O novo xefe de Protección Civil de Lugo: «Quero que deamos unha resposta con máis garantías e coñecementos»
LUGO
O cabo de Bombeiros aposta por formar aos colaboradores e atraer máis efectivos á agrupación
06 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.En decembro do 2021, o cabo de Bombeiros Óscar Freire asumiu a responsabilidade de dirixir a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lugo. Tomaba o relevo de Quique Fernández, que logo de dúas décadas ao mando, se xubilaba. Freire, firme crente no servizo á cidadanía, está agora tentando revitalizar unha institución á que quere insuflar nova vida a través da formación. Anima a todos os cidadáns a que dean o paso. Toda colaboración é benvida.
—Como chega un cabo dos Bombeiros a facerse cargo da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil?
—Dende a alcaldía fíxose unha proposta para que asumise o cargo o xefe de Bombeiros, pero dixo que non podía afrontalo todo e o seguinte paso foi ofrecerllo a algún dos cabos. Propuxéronmo a min e aceptei, pero compaxínoo con seguir sendo bombeiro, que é a miña gran paixón, para min non é un traballo. Para o meu modo de entender, as dúas facetas están vinculadas porque xiran arredor das emerxencias e de axuda á xente, así que para min é un reto que me motiva.
—Dá chegado a todo ben?
—É bastante traballo e aínda estou aterrando, pero hai ilusión. Se pasase algo mentres eu teño quenda nos Bombeiros, un dos voluntarios de Protección Civil que leva máis tempo podería facerse cargo.
—Substitúa á persoa que dirixiu a agrupación durante máis de dúas décadas.
—Substituír a Quique non é sinxelo porque tiña dedicación 365 días do ano e 24 horas. Irei pouco a pouco.
—Vostede está habituado a un corpo 100 % profesional e agora asume o mando dun voluntario.
—A miña idea de Protección Civil é levala a un ámbito non máis profesional, porque son voluntarios, pero si tentar dar un pouco de calidade á nosa resposta. E iso entendo que o temos que facer a través da formación, de ter máis voluntariado, de contar con xente máis especializada e de botar man de máis convenios. Por exemplo, xa temos un coa Cruz Roja que nos bota unha man en cuestións sanitarias, e a miña idea é seguir avanzando nese sentido, por exemplo ter convenios con clubs ciclistas ou de montaña. Que deamos unha resposta con máis garantías e coñecementos. A formación vai ser un dos pilares que tentarei fomentar porque hai que estar o máis preparado posible, porque incluso así xorden dúbidas.
—Cantos son?
—Protección Civil é todo con voluntariado. Oficialmente hai sobre 350 inscritos, pero efectivos, dende que empecei, conto con 10 ou 12. Os que están teñen unha dedicación incrible, fan unha labor marabillosa, están as horas que se lles necesita sen retribución algunha.
—É necesaria máis xente.
—Si, a que veña será benvida. Fixemos contas en redes sociais para dar a coñecer o que facemos e a raíz delas, dúas persoas xa se ofreceron para converterse en voluntarios. Non é necesario ter ningún perfil para ser voluntario, calquera persoa o pode ser. Ata o momento, por exemplo, só temos un par de rapazas voluntarias e tamén nos gustaría incidir en que elas participen.
—Como ten pensado mobilizar a todos eses voluntarios latentes, ou atraer novos colaboradores?
—Creo na formación para involucrar a máis xente. O meu caso serve de exemplo. Eu dinme de alta en Protección Civil no 97, cando xa iniciaba a preparación para as oposicións de bombeiro. Daquelas había cursos de bombeiro forestal, socorrismo, etc.… Eu pensei: se me apunto, presto o meu servizo e ao mesmo tempo aproveito a formación. Teño claro que hai moita xente que está desexando colaborar con persoas que o están pasando mal e á que lle falta un empurronciño.
«A idea é organizar aquí un curso de voluntarios porque temos magníficas instalacións»
As portas de Protección Civil de Lugo están abertas a novos colaboradores.
—Cal é o procedemento para converterse en voluntario?
—Os novos voluntarios, unha vez que se anotan, son prevoluntarios e teñen que facer un curso básico para logo empezar a facer operativos. Da outra maneira, poden ir aos operativos pero teñen que estar acompañados dun voluntario. Facer o curso básico é clave e aquí temos unhas instalacións de formación magnífica. A idea é organizar un curso aquí porque temos prevoluntarios suficientes.
—Como se activa un operativo de Protección Civil?
—Pois, por exemplo cando organizas un evento, pides ao Concello a colaboración de Protección civil. Normalmente xa nos din canta xente necesitan. Eu póñome en contacto con eles e especifícanme un pouco máis o persoal. Falo cos rapaces voluntarios, e se me din que podemos afrontalo, imos.
—Tamén se mobilizarían en caso de emerxencias?
—De momento non temos capacidade, salvo en casos puntuais. Por exemplo, se fora un caso como o incendio do Ceao, nós temos un posto de mando avanzado que montaríamos, de acordo co Plan de emerxencias municipal. Os voluntarios irían alí a levar auga, víveres e o material que sexa necesario. Pero só colaboración nese sentido.
—Historicamente, tamén colaboraban en accidentes. Esa parte xa non se atende?
—Houbo unha época que si, pero para iso temos servizos de emerxencia como Policía, Bombeiros, ou o 061… Se é poñernos a disposición de quen sexa para o que nos encargue, paréceme lóxico, pero non podemos facer ningún traballo, posto que nós somos voluntarios. Puntualmente nunha emerxencia, todas as mans son benvidas.