Twist v Wright

María L. Sández

LUGO

25 ene 2022 . Actualizado a las 19:04 h.

Cada xeración afronta unhas dificultades diferentes e, malia existiren algúns intres escuros que son difíciles de igualar, é innegable que tendemos a repetir, de xeito inxusto, unha actitude pouco comprensiva e condescendente con respecto ás xeracións que nos suceden: “se nós tivésemos as vosas oportunidades”, “agora todo é vicio”, “perdéronse os valores”, “nós si que tivemos que esforzarnos”… Poucas veces se analizan, pola contra, as dificultades que encara unha nova xeración.

A nova desa muller detida por roubar nas Termas, que alegou que foran os nenos os que lle meteran o subtraído nas bolsas, retrotraeume aos tempos de Dickens e sentín unha fonda mágoa por eles. Pensei no que debe de estar sendo a súa infancia e veume á cabeza a charla TED de Molly Wright, a nena de 7 anos que se converteu na persoa máis nova en pronunciar unha destas conferencias. Molly Wright fala da importancia dos primeiros 5 anos de vida; da marabilla que pode facer polo noso futuro un ambiente de crianza marcado polo apego, a interacción lingüística e o xogo; do necesario de que nos queiran e falen e xoguen moito connosco. Claro que, para sermos xustos, un adulto estresado, con ansia pola supervivencia, dificilmente poderá actuar así.

Dickens, que viviu a dura experiencia de ver ao seu pai na cadea por débedas, saíu adiante a forza dun deses talentos puros que xorden de cando en vez e sempre conservou un pouso de optimismo e ledicia que se reflicte nos finais felices dos seus protagonistas infantís. Oliver é un neno traqueteado; mais non un neno roto, e preserva a ledicia e a bondade máis aló da explotación e a carencia. Tristemente, na vida real os finais non adoitan dar eses xiros. Dickens pagou os seus finais felices e inverosímiles con ser considerado un autor menos grande do que sen dúbida é. Oxalá algún espírito como o seu puidese reescribir as historias do noso mundo.